San Brais (Salcedo) acolle o próximo 2 de febreiro a primeira proba do Circuíto de Carreiras Populares

57

A pedestre de San Brais, a primeira cita do Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra (CCCP), chega o próximo día 2 de febreiro con importantes novidades sobre os últimos anos.
A proba foi presentada hoxe no Concello polo responsable municipal de Deportes, Agustín Fernández, acompañado polo presidente da Asociación Veciñal Salcedo Norte, Ernesto Malvar, e o secretario, José Luis Gallego.
As novidades inclúen o cambio de data porque a carreira deixa a tarde do sábado para celebrarse na mañá do domingo. As categorías inferiores sairán ás 11 horas e os sénior e veteranos ás 12.00 horas. Tamén hai un cambio de percorrido porque a saída sitúase a carón da entrada superior ao centro comercial de San Brais e gaña metros ata chegar aos 6 Km.
A organización permitirá aparcar no estacionamento superior do Carrefour ata as 11.30 horas.
Agustín Fernández aplaudiu os cambios no percorrido e constatou que a carreira de San Brais xa coñeceu o ano pasado un importante salto de calidade ao ter incorporado a cronometraxe oficial e todo o apoio loxístico derivado da súa integración no CCCP da Concellería de Deportes.
O concelleiro subliñou o apoio ao deporte popular que guía boa parte das actuacións do seu departamento. O propio cartel anunciador da carreira é unha demostración deste compromiso pois amosa a un atleta moi veterano acompañado dunha muller nova durante o último Medio Maratón de Pontevedra. A imaxe obtivo o terceiro premio no concurso fotográfico desta carreira.
Ernesto Malvar puxo en valor o esforzo dos veciños por manter viva esta carreira, encadrada nas celebracións de San Brais, e anunciou que, ao remate, haberá polbo á feira e tamén churrasco na carpa das festas.
A inscrición individual para esta proba, xunto coa inscrición para o CCCP de Pontevedra xa está aberta no sitio web www.championchipnorte.com.