A imaxe do loro Ravachol converteuse no símbolo de Pontevedra e as Rías Baixas durante os cinco días de Fitur

48
O loro Ravachol, símbolo do Entroido pontevedrés, e tamén dende o pasado verán da promoción turística da cidade, foi un dos protagonistas da Feira Internacional de Turismo (Fitur) celebrada durante a pasada semana en Madrid. Durante a xornada do venres, 24, a presencia da concelleira de Turismo, Carlota Román, deu máis pulo aínda á estratexia pontevedresa dentro do gran escaparate do turismo nacional.
Dous peluches de Ravachol pasearon incansablemente polos stands de boa parte dos países, comunidades autónomas e cidades presentes en Fitur. O persoal do stand de Pontevedra, en colaboración con Turgalicia, ocupouse de captar fotografías de público e profesionais do turismo. No transcurso da feira realizáronse centos de fotografías.
Carlota Román aproveitou os ocos que lle deixaron as sucesivas entrevistas que mantivo con touroperadores, responsables políticos de Galicia e outras comunidades e profesionais do sector para colaborar nesta iniciativa. O máximo responsable de Ciutadans, Albert Rivera; o actor Carlos Iglesias; o director cinematográfico, Norberto López (director de El tiempo entre costuras); responsables da Asociación de Empresarios Autónomos e un grupo de blogueiros e prescriptores turísticos na Internet foron algunhas das personalidades que compartiron fotografía coa concelleira pontevedresa durante a mañá do venres.
Román quixo estar nesta xornada, que pechaba os tres días dedicados aos profesionais, antes de que a feira entrara nunha fin de semana especificamente enfocada ao público.
Pontevedra aproveitou tamén estes días para proxectar vídeos da cidade, como o rodado polo blogueiro Diego Pons, o do Festival da Luz e o da campaña Pontevedra é un amor. O último dos vídeos está montado con fotografías de Ravachol en distintos puntos de España, outra campaña desenvolvida ao longo do pasado verán.
A campaña fotográfica co loro do Entroido pontevedrés servirá para organizar un concurso de Facebook entre todas as imaxes etiquetadasd e compartidas facendo referencia a Pontevedra e a Visit-Pontevedra. Os gañadores obterán dúas fins de semana na cidade.
Durante as entrevistas cos distintos profesionais, Carlota Román destacou o interese en posicionar o destino Pontevedra aproveitando as posibilidades da Internet e, moi especialmente, das Redes Sociais. Imprimir folletos, coincidiron todos os expertos, xa serve de pouco, porque o público busca a información na Rede e quen non están ahí, non existe.