Comezan as obras de restauración da senda urbana do Gafos logo das riadas

36

. O Concello iniciou nestes días traballos de limpeza e reparación dos danos causados polos temporais de Nadal na senda urbana do río Gafos. O investimento de emerxencia aprobado é de 45.249,78 euros que servirá para reparar camiños de xabre, substituir mobiliario, estabilizar marxes do río ou reparar pasarelas.
A empresa adxudicataria da obra traballa con maquinaria pequena nos diferentes tramos do Gafos acometendo todas as reparacións ao tempo. Vai reparando os camiños de xabre, estabilizando as marxes de ribeira coa plantación de vexetación, retirando e substituindo mobiliario urbano dende bancos e papeleiras até reparacións de barandillas e pasos de madeira. Os traballos vanse desenvolvendo pouco a pouco, e sempre condicionados pola situación meteorolóxica.
Os primeiros labores centráronse na retirada de materiais e lixo que arrastraron as riadas, para continuar coas reparacións.
O Concello solicita a comprensión e a colaboración dos usuarios do paseo do río Gafos coas obras, que están todas acotadas con valos. Dende a Concellaría de Parques solicítase a colaboración dos usuarios evitando invadir aqueles espazos que se están a restaurar para evitar calquera situación de risco.