Matriarcas, a biografía de dez galegas que repasan a vida na posguerra

61

A Casa das Campás acolle este luns, 27 de xaneiro, a partir das 19.00 horas a presentación do libro Matriarcas, mulleres en pé de vida, da xornalista vilagarciá Monserrat Fajardo. Esta presentación está incluída dentro da programación de actividades mensuais do proxecto Memoria de mulleres, que promove a Concellaría de Patrimonio Histórico e Cultura, que xestiona Luís Bará.
A sociedade galega de posguerra é o escenario principal da publicación que recolle os testemuños de dez mulleres de distintos puntos de Galicia que, contando a súa vida, destripan a realidade do matriarcado que sostiña a sociedade galega da posguerra.
Protagonizan os dez capítulos de Matriarcas, Gloria Lijó Cacharrón (mariñeira de altura de Ribeira), Amalia Limeres (irmá dun republicano asasinado en Vilagarcía no 1937), Pilar Osorio (ex edil de Lugo e presidenta, entre outras agrupacións, de Conumar e Asfem), Waldina Pereira (nacida en Muros, emigrou ao Uruguay e dende moi nova rexentou o seu propio negocio), Delia Núñez (parteira centenaria de Moraña),  Mari Carmen Fernández Trigás “Dona Maruja” (mestra durante o franquismo en distintas aldeas de Ourense), Luz Durán (nacida en Redondela, o seu episodio está adicado aos enfermos de alzheimer e os seus coidadores), Rosario Rodríguez (peixeira de Vilaxoán e unha das nais que abandeiraron a loita contra o narcotráfico en Arousa), Tareixa Navaza (xornalista compostelá, condutora, entre outros, do lembrado programa "Panorama de Galicia”, foi nomeada o pasado ano muller do ano polo Consello da Cultura Galega) e Carmen Meaños (filla dun represaliado carrilexo, asasinado en 1937).
As súas verbas deixan lembranzas doutros personaxes, memoria viva da Galicia da metade do século pasado, doutras paisaxes, doutros costumes e mesmo de fitos históricos que elas lembran en primeira persoa. As dez son moi distintas entre elas, máis úneas un nexo común: a teima con que sacaron adiante o seu traballo e as súas familias a pesar dos avatares que lles tiña preparado o destino. Na maioría dos casos non son as máis significadas da súa época pero sen dúbida son moi representativas desas mulleres que sustentaron a matriarcal sociedade galega da posguerra, das grandes esquecidas do seu tempo ás que Matriarcas pretende dar voz.
Monserrat Fajardo é licenciada en Ciencias Políticas e da Administración, ten un máster en Dereito das Administracións e Institucións Públicas mais exerceu boa parte da súa carreira profesional no xornalismo, sendo na súa etapa como redactora do Faro de Vigo, cando coñece a Carmen Meaños e empeza a barruntar a idea de escribir este libro, distribuído por Arnoia, que neste Nadal esgotou a terceira edición.
A presentación será este luns, ás 19.00 horas, na Casa das Campás e estará conducido pola xornalista pontevedresa Natalia Puga. No acto estarán presentes dúas das protagonistas da publicación: Gloria Lijó e Waldina Pereira.

Enlaces de interese:
www.matriarcas.com
https://www.youtube.com/watch?v=-oA53DRPy0k