Os enxeñeiros industriais piden que a inspección dos edificios non quede só na estrutura e inclúa controis sobre as instalacións

47

O compromiso de aprobar a nova ordenanza do Informe de Avaliación Técnica dos Edificios durante o primeiro semestre deste ano segue adiante. Así o afirmou o tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo durante a xuntanza mantida esta mañá coa directiva do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais da provincia.
Sen embargo, os recentes cambios normativos introducidos pola Lei de Emprendemento de Galicia obrigan a modificar urxentemente a ordenanza municipal de Simplificación Administrativa. Os técnicos municipais están traballando intensamente na adaptación deste texto municipal unha vez que se eliminou a figura da Declaración Responsable e se ampliou a “licenza express” a case todo tipo de actividades e sen límite de superficie.
Louro indicou que a regulación da inspección de edificios será a seguinte ordenanza urbanística en ver a luz. De feito, a Concellería xa  dispuña dun borrador cando o Goberno de España aprobou, o en xuño de 2013, a “Ley de Rehabilitación, Regeneración y Renovación Urbanas”. Neste texto legal introduciuse a figura do Informe de Avaliación dos Edificios, nos que, ademais das cuestións estruturais e de instalacións, se inclúe a avaliación da eficiencia enerxética e a accesibilidade dos inmobles. Ademais, segue pendente a orden ministerial  que aclare a cualificación dos técnicos competentes para realizar as inspeccións.
O tenente de alcalde comprometeuse cos enxeñeiros técnicos a facerlles chegar o borrador definitivo en canto estea dispoñible para que podan facer as súas achegas profesionais.
O decano do Colexio, Jorge Cerqueiro, acudiu acompañado do vicesecretario, Manuel Rueiras, e do colexiado (e concelleiro pontevedrés) Pablo Fernández. Cerqueiro explicou que están a manter unha colaboración directa co Concello de Vigo, que está en fase de adaptación da súa ordenanza de ITE.
O decano subliñou que, na práctica, as ITE limitábanse á comprobación da estrutura dos edificios e non prestaban suficiente atención ás instalacións. Sen embargo, engadiu, ten habido moitos máis accidentes por incendios causados polas instalacións eléctricas que por derrubamentos ou fallos da estrutura. Os enxeñeiros conclúen que a experiencia demostra que cómpre prestar a mesma atención aos tubos e os cables que a os “ladrillos” ou ao formigón.
Louro entende que a revisión dos edificios é unha necesidade por unha elemental cuestión de seguridade. Ademais, lonxe de supoñer unha carga para as comunidades de veciños, achega tamén vantaxes, porque permite planificar un mantemento preventivo e evitar avarías que, a medio prazo, serían máis caras.
O tenente de alcalde indicou que se está a estudar o limiar de antigüidade dos edificios obrigados a pasar a primeira revisión, así como as periódicas. Os técnicos tamén están estudando a posibilidade de que non só os edificios colectivos pasen o informe de avaliación, senón que se estendan tamén ás vivendas unifamiliares e ás naves comerciais-industriais, que, en principio, en función da lei, tan só terían que certificar a ITE.