A feira de oportunidades “Stock Pontevedra” chega este ano co obxectivo de alcanzar os 20.000 visitantes

69

A duodécima edición da feira de oportunidades “Stock Pontevedra” abrirá as súas portas durante esta fin de semana. Entre o venres, 31 e o domingo, día 2, será posible adquirir produtos das mellores marcas aos mellores prezos gracias a unha iniciativa que comparten a Concellería de Promoción Económica, Emprego e Turismo, o Centro Comercial Urbano Zona Monumental (CCUZM) e a asociación empresarial Aempe.
A feira estará aberta entre as 11 e as 21 horas durante as tres xornadas. A entrada terá un custo de 1,50 euros e dará acceso a un Recinto Feiral que estará completamente ocupado por un total de 60 expositores. O téxtil será o sector protagonista, pero haberá tamén stands dedicados á Peletería, Complementos, Calzado, Decoración, Deportes, Óptica e Antigüidades.
Carlota Román subliñou que trátase da feira con maior aceptación popular de cantas se celebran no ano. Un total dunhas 50.000 persoas pasaron o pasado ano polas distintas actividades feirais organizadas ou patrocinadas polo Concello. Ás máis de 30.000 persoas captadas polo resto de eventos hai que sumar as preto de 20.000 que asistiron á última edición de “Stock Pontevedra”. Para este ano agárdase unha cifra similar.
A concelleira puxo en valor a crecente fortaleza feiral de Pontevedra, posto que a cidade incrementa a súa presenza neste sector de actividade mentres o resto de cidades galegas vén reducirse as súas ofertas. Unha axeitada combinación de eventos de mediano e pequeno formato, a introdución de novidades (entre as que destacou o Salón de Perruquería e Estética, PONMO, Edugal e o Salón de Doces de Convento) e, sobre todo, a calidade das infraestruturas e a súa proximidade ao centro urbano foron as claves deste éxito.
Román destacou tamén que se a feira de oportunidades era un complemento á temporada anual, o impacto da crise económica fixo que este ano sexa máis importante que nunca. Cando a economía sofre, explicou, o comercio sofre especialmente, engadiu.
O salón “Stock Pontevedra” é unha oportunidade única de adquirir produtos de primeiras marcas a prezos máis que competitivos. Miguel Lago subliñou que os descontos varían en función dos comerciantes e mesmo en función do momento da feira, pero serán moi significativos, porque hai que facer sitio nos almacéns. A roupa, aínda que non caduca, as tendencias si e hai que facer sitio para as novas coleccións, indicou.
José María Araújo destacou a evolución da feira que, edición a edición vai mellorando en calidade e aproveitando a experiencia acumulada.