Os escolares de oito colexios pontevedreses participan nas Olimpíadas do Recreo

51

Aprender divertíndose é o lema das Olimpíadas do Recreo, un dos programas máis singulares da Concellería de Educación. A segunda edición da actividade botou a andar  estes días e os alumnos de oito colexios públicos están a participar na primeira fase dunha competición, na que o menos importante é competir.
O concelleiro de Educación, Agustín Fernández, estivo esta mañá no colexio Álvarez Limeses para asistir a unha das primeiras xornadas da primeira fase das Olimpíadas, que están dirixidas a alumnos de Quinto e Sexto de Primaria. O edil explicou que, despois do éxito da primeira edición, todos os colexios quixeron repetir e tamén outros incorporarse ao programa.
O edil participou nesta primeira xornada, na que varios equipos de alumnos mediron os seus coñecementos durante máis de dúas horas e media (o ano pasado detectouse que dúas horas eran escasas e non permitían facer axeitadamente todas as actividades). A “xornada olímpica” xirou en torno a catro áreas, nas que obtiveron unha puntuación. Comezou coa área de Educación e Cultura: un gran “Trivial” electrónico  con preguntas baseadas no concello de Pontevedra e a provincia para coñecer a historia, a xeografía, as xestas deportivas, a cultura… A continuación chegou a parte Científica, na que dúas investigadoras tolas animaron e dirixiron experimentos e “inventos”. O terceiro apartado foi o Deporte e consistiu en actividades atléticas, como lanzamento de xavelina ou carreira. A última área da competición dedicouse á Saúde: unha dietista aprendeu aos alumnos a importancia dunha dieta axeitada, os rapaces planificaron unha compra semanal e elaboraron a pirámide alimenticia.
Agustín Fernández, que gozou do ambiente divertido no que se desenvolveron as distintas probas, destacou que as Olimpíadas do Recreo son unha escusa para aprender.
Os catro colexios mellor clasificados pasarán ás semifinais e, no caso de seren eliminados, a unha rolda de consolación. A gran final disputarase a mediados do curso entre os dous mellores equipos. As Olimpíadas rematarán cunha gran festa para todos os nenos/as participantes.
Os gañadores obterán un cheque-regalo de material escolar valorado en 400 euros; os segundos, cheque-regalo de 200 euros e os terceiros, de 100 euros.
Nesta segunda edición das Olimpíadas do Recreo están a participar 450 alumnos de Quinto e Sexto cursos de Educación Primaria. Os colexios inscritos son os de San Bieito de Lérez, Álvarez Limeses, Santo André de Xeve, Marcón, A Carballeira, Cabanas, Xunqueira I e Froébel.