Os alumnos do instituto de FP Carlos Oroza coñecen as políticas turísticas municipais na Casa da Luz

54

Coñecer as principais liñas que compoñen a política turística municipal e as instalacións do Concello destinadas á recepción dos visitantes foi o contido dunha xornada didáctica na que participaron os alumnos do módulo de Turismo do Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza.
Os alumnos foron recibidos pola concelleira Carlota Román, así como polo persoal que atende a Casa da Luz, a técnico en Turismo e a directora da Escola Obradoiro de Monte Porreiro, na que tamén se imparte formación neste campo.
A mañá incluíu unha visita á Casa da Luz e unha explicación sobre a rede de información turística municipal, composta tamén pola caseta-cubo da praza de España e a caseta de Vialia-estacións, unha rede que atende anualmente a máis de 50.000 visitantes. Román subliñou que a Casa da Luz destaca como edificio senlleiro, ben situado no corazón do Centro Histórico e completamente accesible, mentres que as casetas cobren perfectamente as demandas específicas dos excursionistas que chegan en autobús e dos peregrinos que están a facer o Camiño de Santiago.
A concelleira fixo unha exposición na que repasou, sucesivamente, a aposta polo turismo de feiras e congresos; a posta en marcha da Pontevedra Film Commission, co obxectivo de captar rodaxes de produccións audiovisuais; a estratexia de desestacionalización a través da organización de eventos deportivos ou mesmo gastronómicos, como o PontedeTapas; as campañas a través das Redes Sociais e a blogosfera, nas que se está a utilizar de xeito icónico a figura do loro Ravachol, ou a asistencia profesional a feiras turísticas.
Román concluíu que queda moito traballo por facer, porque, se ben é certo que Pontevedra ten moito potencial (cultura, patrimonio, gastronomía, proximidade ás praias, paisaxe…) hai moitas cidades que dispoñen deste mesmos atractivos. A clave, enfatizou, está en singularizarse e aí estamos traballando. Precisamente, a situación do Recinto Feiral e o Pazo da Cultura a só 5 minutos do centro urbano é un dos elementos diferenciais, o que explica o éxito da política feiral municipal durante o ano 2013.