Xestur cede ao Concello o último dos espazos correspondentes ás obras de urbanización de Valdecorvos

55

As obras de urbanización do polígono de Valdecorvos quedaron hoxe oficialmente rematadas coa sinatura da acta de recepción do último dos espazos públicos deste ámbito residencial. O tenente de alcalde, Antón Louro, e Javier Domínguez Lino, en representación da Sociedade de Xestión do Solo de Galicia (Xestur), asinaron hoxe o documento.
O espazo corresponde a unhas escaleiras que comunican a rúa das Fragas e do Prado Novo, a carón do edificio de vivendas sociais que está a construír o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS).
As obras foron realizadas pola empresa “Construcciones Vila-Río Miño”, que, ademais, garantirá durante un ano a axeitada conservación das escaleiras. Non puideron ser realizadas antes por estar relacionadas cos traballos de preparación do terreo asociados a este edificio.
Durante a xuntanza, os representantes de Xestur informaron das súas previsións de que as obras do edificio, con 132 vivendas protexidas de promoción pública, poda estar rematado cara finais deste ano, e proceder a adxudicalas a principios de 2015.
O polígono de Valdecorvos, con 118.733 metros cadrados foi desenvolvido a resultas do convenio urbanístico asinado entre o Concello e o IGVS no ano 1992.