A Asociación de Empresarias de Pontevedra nace con máis dun centenar de afiliadas

37

A provincia de Pontevedra conta cunha nova asociación empresarial destinada a defender e promocionar o papel da muller neste sector. A Asociación de Empresarias de Pontevedra foi creada a finais do pasado ano e hoxe presentouse oficialmente á concelleira de Promoción Económica, Carlota Román.
A directiva está presidida por Ana Couso e conta con Mercedes Paz, como vicepresidenta, e Mayca Gay como secretaria. Dispoñen xa de máis dun centenar de afiliadas.
A asociación chega co obxectivo de atender sensibilidades propias das mulleres empresarias. Orientar, asesorar e ofertar un programa de formación moi adaptado ás necesidades das profesionais son os seus primeiros obxectivos.
Carlota Román expresou a súa satisfacción polo nacemento deste novo colectivo empresarial e ofreceu colaboración institucional para a organización de actividades, especialmente, aquelas que supoñan a chegada de visitantes ou valor engadido para a cidade reforzando a súa programación feiral e/ou congresual.
A concelleira e as empresarias coincidiron, precisamente, en valorar o positivo impacto que tivo o primeiro salón-congreso de Perruquería e Estética “Galicia Look-Expo Beauty” celebrado durante o pasado ano. Ambas partes coinciden en que se  trata dun evento de moito potencial e polo que hai que apostar.
A Asociación de Empresarias, que polo momento ten a súa sede nas oficinas da Asociación de Profesionais Autónomos (APE) na praza de España, presentará proxectos concretos nos próximos meses.