O mellor do piragüismo mundial estará en Pontevedra para participar na cuarta “Nelo Winter Challenge”

77

O encoro do Pontillón do Castro acolle esta fin de semana a cuarta edición da Nelo Winter Challenge, a proba internacional patrocinada polo primeiro fabricante mundial de piraguas, con presenza de destacados deportistas, entre os que se confirma a presenza do húngaro Attila Vajda.
Máis de 600 padexeiros (200 deles estranxeiros) de máis de 20 federacións nacionais estarán en Pontevedra, porque este torneo organízase ao redor dos equipos nacionais que están nos catro campos de adestramento existentes nos encoros portugueses. Hai poucas semanas participaron, en condicións meteorolóxicas moi adversas, na terceira Nelo Winter, na localidade de Angueira.
A presentación da competición celebrouse hoxe no Concello con asistencia do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores. Xunto co concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, e o presidente da Federación Galega, Alfredo Bea, estiveron o presidente de Nelo, Manuel Ramos, e o xerente e director deportivo da empresa, André Santos.
O alcalde agradeceu á empresa a súa aposta por Pontevedra e adiantou que esta colaboración abre as portas a futuras colaboracións noutros eventos internacionais, como o futuro Campionato de Europa de Maratón.
Agustín Fernández destacou o carácter estratéxico do piragüismo para Pontevedra e congratulouse do resultado que están a dar os convenios que se asinan anualmente coa Federación Galega. O Nelo Winter abre un calendario anual que inclúe tamén a Copa de España de 1.000 metros (26 e 27 de abril); a Copa de España de 500 e 200 metros (24 e 25 de maio); o Campionato de España de Novas Promesas (25 ao 27 de xullo)  e, finalmente, a Copa de España de Maratón (2 e 3 de agosto).
Alfredo Bea apuntou que Verducido é xa unha referencia nacional, pero hai que ir pensando en dotar a estas instalacións do prestixio internacional que teñen pistas como a de Duisburgo, Poznan ou Mechelen.
Manuel Ramos subliñou a aposta da súa firma pola organización dos eventos Nelo Winter e Nelo Summer e subliñou que é a primeira vez que saen de Portugal. Explicou que lanzaron un desafío á Federación Galega e atoparon o respaldo do Concello de Pontevedra.
André Santos subliñou que as características da pista de Verducido permitirán organizar unha competición en distancias e formato máis tradicional que as últimas de Angueira, nas que se optou por un formato contrarreloxo.
As previsións meteorolóxicas para esta fin de semana son boas, polo que se agarda un magnífico espectáculo.