As obras do porto deportivo do Club Naval de Pontevedra xa contan con licenza municipal

59

O porto deportivo de Pontevedra xa conta con licenza municipal. O tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, asinou esta mañá a resolución pola que se legalizan definitivamente as instalacións, que foron construídas en 1992. A resolución pon fin á precariedade das instalacións do Club Naval na avenida de Uruguai, número 26.

Louro advirte expresamente á entidade pontevedresa de que deberá presentar un proxecto técnico e solicitar unha licenza específica de obras e actividade para o caso de que pretenda abrir algún establecemento de hostalería no primeiro andar do edificio. Non obstante, o tenente de alcalde destacou que, unha vez despexado o panorama administrativo das instalacións náuticas, se esixen exactamente as mesmas condicións que para a apertura dun local deste tipo en calquera outro punto da cidade.

O proxecto legalizado consta de tres pantaláns aboiantes paralelos e outro transversal, de acceso aos anteriores, para o atraque das embarcacións. Os dous exteriores e o de acceso son propiedade de Portos de Galicia e o máis próximo a terra é do Club Naval. Ademais, existen pantaláns de servizo que se localizan perimetralmente á plataforma e aos que se accede dende tres ramplas, dúas titularidade do club e unha terceira de Portos de Galicia.

O edificio social apóiase sobre unha lousa de formigón, de 28×49 metros, pilotada sobre a ría. Sobre ela está instalada unha unidade de subministración de combustible para embarcacións e unha grúa. Consta de andar baixo e primeiro. Está totalmente rematado e en funcionamento, agás o interior do andar primeiro que aínda que estivo ocupado por negocios de hostalería, está sen uso e sen acondicionar na actualidade.

Antón Louro recalca que con esta legalización resólvese unha situación de precariedade que non era desexable. O tenente de alcalde lamenta que se tivera chegado a esta situación, posto que o Club Naval obtivo licenza municipal de obras en 1993. Sen embargo, a execución non se correspondeu co proxecto autorizado e foi preciso presentar un proxecto modificado e outro de legalización. No expediente tamén consta que o proxecto orixinal tiña sido tramitado de acordo co antigo Regulamento de Actividades Molestas (Raminp) e a incorporación de ditame ambiental favorable da desaparecida Comisión Galega de Medio Ambiente. Diante desta situación foi preciso realizar unha consulta á Consellería de Medio Ambiente, que resultou favorable.

Antón Louro mantivo un primeiro contacto coa directiva do Club Naval no ano 2011 e, dende entón, impulsou a saída deste expediente. O tenente de alcalde tamén tiña adquirido o compromiso de impulsar o dragado da ría, unha obra moi necesaria para gañar o calado necesario nesta zona da ría. Como consecuencia disto, o Pleno do Concello aprobou o pasado mes de xuño unha moción dirixida ao ente Portos de Galicia, titular desta competencia.