Comezan traballos de reparación no ámbito de Fernando II e Bibiano Fernández Tafall

72

O Concello de Pontevedra inicia esta mesma semana traballos de reparación e pavimentación no ámbito das rúas Fernando II e Bibiano Fernández Osorio Tafall. Os concelleiros Luís Bará e Carmen Fouces manteñen esta tarde unha reunión cos veciños da zona para explicarlles as actuacións que se iniciarán con carácter inmediato e que seguen os criterios de alongar a vida útil dos espazos públicos aplicando reparacións de urxencia que os fagan seguros e melloren a calidade de vida dos residentes, especialmente despois deste duro inverno, aínda que baixo os criterios de máximo aforro.
Hoxe mesmo comezou o valado da primeira zona na que se vai a actuar para iniciar as obras o mércores. Seguimente irase estendendo o ámbito de actuación coas conseguintes afeccións ao tráfico rodado.
A primeira actuación será a pavimentación da parte traseira (do estacionamento) e do vial de acceso ás vivendas, da rúa perpendicular a Bibiano Fernández Osorio Tafall. Farase tamén unha beirarrúa e a canalización e recollida de pluviais pois actualmente os arrastres de auga e terra aféctanlle ao garaxe do edificio que fai esquina entre Fernando II e Bibiano Fdez Tafall.
Tamén está prevista a pavimentación dun treito da rúa Fernando II que se atopa en mal estado. Unicamente se actua na zona en mal estado, xa que o restante ben foi pavimentado recentemente como parte da urbanización de edificacións novas, ben o resto de treitos aínda aguantan un tempo. 
Outro dos traballos será a pavimentación completa da rúa Afonso IX (primeira perpendicular entre Fdez Ladreda e Fernando II). Así como a pavimentación parcial da rúa Rafael Alonso.
Dentro do proxecto tamén se inclúe a pavimentación do camiño das Abilleiras, exclusivamente a parte con firme en terra. É un espazo que presenta grandes fochancas e embolsamentos de auga.