O Consello asesor do patrimonio trata esta tarde unha actuación na ponte do Couto

64

O Consello asesor do Patrimonio reúnese esta tarde no Concello de Pontevedra para estudar a planificación de actividades para este ano, seguindo a liña marcada en anos anteriores que se centra, basicamente, no patrimonio rural. O concelleiro delegado da área, Luís Bará informou esta mañá que na reunión da tarde abordarase os traballos de estudo e catalogación que se están a coñecer nas parroquias a través da exposición dos plans parroquiais; as actividades de conservación e mantemento de cruceiros, portos, muíños… que se están a facer, e mantendo o proxecto estrela que é a recuperación patrimonial da parroquia de Salcedo.

Ao respecto das pontes, Luís Bará resaltou a intención da concellaría de acometer unha actuación na Ponte do Couto aproveitando a actuación do desdobramento da avenida de Vigo, tratar de reverter a situación actual de abandono da zona, e da ponte, en concreto, facendo labores de limpeza, mellora co propósito de darlle continuidade peonil ao novo tramo de senda que se abrirá co desdobramento da avenida de Vigo.

Tamén fixo referencia á ponte de Ponte Sampaio, que volveu sufrir, a pasada semana, un accidente automobilístico que destrozou de novo a zona afectada polo sinistro da pasada Noiteboa. Cabe sinalar que se trata dun vial e dun viaduto de titularidade autonómica, e que polo tanto é a Xunta de Galicia a responsábel da súa conservación e mantemento.

O Concello de Pontevedra iniciara a comezos de xaneiro os trámites para a restauración da zona afectada e mesmo encargou un proxecto valorado nuns 5.000 euros, que sería financiado con cargo ao seguro do vehículo que provocou o accidente. Daquela a Xunta de Galicia informou da súa decisión de acometer as obras, e mesmo reclamou o atestado da policía local cos datos do condutor e do seguro.

Pasados máis de dous meses sen que se realizase a obra (só se colocaron unhas fiadas de pedra), o pasado luns un coche volveu golpear a mesma zona provocando a caída ao río de pedras do pretil, e o desprazamento de outras. Ademais do dano patrimonial, a situación é moi perigosa porque non existe ningunha protección nin sinalización da zona accidentada.

Por este motivo, o Concello de Pontevedra, por medio do concelleiro responsábel de patrimonio histórico Luís Bará, urxiu esta mañá á Xunta de Galicia a aprobación do correspondente proxecto de restauración e a realización das obras coa máxima urxencia. Ao mesmo tempo, solicita que se tomen medidas de sinalización e advertencia da perigosidade deste punto, para evitar sinistros como os que se produciron nun espazo tan breve de tempo.

OUTRAS ACTIVIDADES

Dentro das actividades habituais programados polo Consello asesor continuaranse coas viaxes de coñecemento, en concreto está prevista unha saída para o vindeiro 12 de abril á A Lama e Ponte Caldelas. E tamén en abrir comezarán os roteiros urbanos.

Organizarase o vindeiro 3, 4 e 5 de abril a III Xeira do Patrimonio rural, tamén na Misión Biolóxica baixo o título “Patrimonio e participación”. A programación coa que se traballa para esas datas é a seguinte: 

• Xoves 3 de abril
o 19 h Conferencia de Manuel Caamaño Suárez: "O patrimonio galego das construcións rurais da etapa preindustrial". (Na Casa das Campás. Aberta)

• Venres 4 de abril
o 17:30 h Conferencia de Ángel Portolés Górriz, coordinador do proxecto Patrimoni da Universidade Jaume I de Castellón: "O proxecto Patrimoni como proceso de revalorización do patrimonio cultural no medio rural de Castellón".
o 18:30 h Mesa de experiencias do tecido asociativo: Instituto de Estudos Miñoranos (IEM): Álvaro Peralta. Lugo Patrimonio: Lois Diéguez. Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte: Manuel Vilar Álvarez. O Sorriso de Daniel: Consuelo Castro Rey (vicepresidenta)

• Sábado 5 de abril
o 10h Conferencia de Manuel Gago Mariño, xornalista cultural e profesor da Universidade de Santiago de Compostela: "Patrimonio, participación e comunicación".
o 11:30 h Mesa de experiencias institucionais: Proxecto Alto Támega: Beatriz Comendador Rey, directora do proxecto e arqueóloga. Museo Aberto de Carnota: Iván Franco Caamaño, concelleiro de cultura. Vila Romana de Currás: Silvia González Soutelo, directora do proxecto e arqueóloga.
o 13 h Luís Bará, concelleiro de patrimonio histórico: "Patrimonio e participación no Concello de Pontevedra: os proxectos e os procesos".