Pontevedra acollerá un mínimo de 18 eventos feirais e congresuais ao longo deste ano

60

Pontevedra acollerá durante este ano media ducia de feiras sectoriais e 12 congresos, ademais da rodaxe de cinco producións audiovisuais. O programa provisional (estanse a negociar novos eventos) foi presentado hoxe pola concelleira de Promoción Económica, Carlota Román, durante a xuntanza da Oficina de Congresos de Pontevedra.

Román, que aproveitou para presentar o novo portal web da Oficina (www.congresos-pontevedra.com), subliñou que agárdase captar entre 50.000 e 60.000 visitantes con esta programación. De eles entre 2.500 e 3.000 serán congresistas. Tendo en conta todos os gastos xerados polos asistentes ás feiras e congresos e os gastos de organización, calcúlase un retorno socioeconómico duns dous millóns de euros.

A Oficina de Congresos de Pontevedra ofrece unha fórmula de colaboración co sector público aos empresarios e asociacións do sector privado que proporcionan servizos básicos ou complementarios para a organización de eventos relacionados co turismo de negocios. O importante, destacou Román, é que todos colaboremos para que veña xente a Pontevedra, dende os que asisten a unha feira e só gastan nun café de 1,10 euros ata os que están aquí tres días. No turismo de incentivos, engadiu, vale todo porque todo suma.

O programa feiral de 2014 está integrado pola Feira de Oportunidades (PonteStock), o Salón de Vodas, Eventos e Celebracións (Si Quero), o Salón da Educación de Galicia (Edugal), a pasarela de moda (PONMO), o salón de Perruquería e Estética (Expo Beauty) e a Feira de Doces de Convento. En canto aos congresos, a Oficina de Pontevedra ten pechados os da Camelia, da Educación e Compromiso Social, da Asociación de Feiras de España (AFE), de Ciencias do Deporte e a Educación Física, o Galego de Dermatoloxía, o de Cirurxía Ortopédica, o de Xeriatría, PonteEmprego, Intermodes, o congreso Galicia Look&Fashion, Ponte a Punto e Unirrede.

Carlota Román, que agradeceu o apoio do colexio médico e da Universidade de Vigo, destacou que hai entidades que comezan a chamar á porta da Oficina de Congresos de Pontevedra e agora, coa nova ferramenta web, poderán facelo dun xeito aínda máis doado. Engadiu que mentres noutras cidades, a programación feiral languidece ou mesmo desaparece, en Pontevedra mantense unha actividade digna, baseada nunha estratexia diferenciada.

A Oficina de Congresos conta, a día de hoxe, con 26 socios colaboradores entre os que hai hoteis e firmas de restauración, de organización de eventos, de servizos audiovisuais, de transportes, de recursos de lecer… A diferencia doutras cidades, ningunha delas paga cotas. Román adiantou que agarda chegar aos 50 socios, aínda que admitiu que trátase dun camiño lento, no que falta moito por andar.