O BTT incorpórase ao calendario de actividades deportivas patrocinadas pola Concellería de Deportes

62

A Bicicleta Todo Terreo (BTT) xa forma parte do amplo calendario de actividades deportivas de Pontevedra. A iniciativa do Club Ciclista Farto permitiu á Concellería de Deportes apoiar o primeiro evento desta especialidade, que se vai celebrar o próximo día 30, deste mes de marzo.
A I Ruta BTT Cidade de Pontevedra chega cun percorrido non competitivo de 35 Km, de dificultade media, con saída e chegada na avenida de Montero Ríos. O evento foi presentado hoxe polo concelleiro, Agustín Fernández, xunto co presidente do club, Abel Farto, e o organizador, Miguel Enrique Sobral.
O concelleiro destaca que se cobre un baleiro que existía nunha cidade cunha profunda vocación ciclista. Ademais, engadiu, a bicicleta de montaña está a crecer dun xeito exponencial.
O período de inscrición está aberto ata o próximo día 24 no perfil de Facebook da ruta, pero tamén é posible facela na tenda de ciclismo Farto (avenida de Vigo) e na cafetería Supremo (avenida de Alcalde Hevia-rúa do Forno) ata o 27. O prezo, necesario para cubrir todos os custos de organización, é de 6 euros, dos que 1 euro vai destinado á Asociación SocioSanitaria Educativa Inflamatoria Intestinal (ASSEII).
Os organizadores destacaron que optaron por un perfil cun nivel de dificultade asequible, que inclúe 850 metros de desnivel acumulado, para propiciar a máxima participación. Polo momento xa teñen superado as 200 inscricións. O ritmo está a incrementarse nos últimos días e agárdase contar con preto dun milleiro de ciclistas.
A saída será ás 9.30 horas e a chegada dos primeiros participantes agárdase para despois do mediodía. Haberá lavado de bicicletas na propia avenida de Montero Ríos e duchas no pavillón multiusos da Xunqueira.
O itinerario comeza con un percorrido urbano por Riestra, praza de Galicia, Fernández Ladreda, praza de Campolongo e Estrigueiras en dirección ao lago Castiñeiras para o avituallamento, no antigo campo de tiro. Despois dunha ruta por Cotorredondo afróntase o descenso pola cara de Salcedo e as proximidades da Brilat para retornar á cidade por Eduardo Blanco Amor, Xeneral Rubín, Rosalía de Castro e Alameda.
A idea do Club Ciclista Farto é consolidar esta saída como un elemento máis da programación deportiva local e ir variando a ruta en anos sucesivos, aproveitando as grandes posibilidades que ofrecen os cinco macizos montañosos que rodean Pontevedra e a súa contorna inmediata.
A Concellería de Deportes recomenda a máxima prudencia durante os tramos urbanos e respecto polas normas de circulación, especialmente á chegada. De tódolos xeitos a marcha contará con motocicletas de apertura e estará controlada por un equipo de voluntarios.