O Campionato do Mundo de Duatlón será o principal evento deportivo en Galicia durante este ano 2014

59

Pontevedra acollerá, entre o sábado, 31 de maio e o domingo, 1 de xuño, o Campionato do Mundo de Duatlón, que será o principal evento deportivo galego de todo o ano. O Comité Organizador celebrou hoxe a xuntanza na que se aprobou o orzamento e se confirmaron as expectativas sobre un nivel de participación que estará sobre os 1.200 deportistas.

O comité está presidido polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e conta coa presenza do concelleiro de Deportes, Agustín Fernández; o presidente da Federación Española de Triatlón (FETRI), José Hidalgo; o presidente da Federación Galega, Francisco Villanueva; o vocal do Consello Superior de Deportes, Antonio Prieto, e a subdirectora xeral de Plans e Programas da Secretaría Xeral para o Deporte, Laura Mosquera. Non puido asistir, por unha doenza, Marisol Casado, presidenta da ITU (Unión Internacional de Triatlón) e membro do COI.

O Concello de Pontevedra asume todos os custos de organización, incluídos os convenios coa ITU e a FETRI. A Xunta de Galicia confirmou hoxe unha achega de 15.000 euros (ademais do uso do Centro de Tecnificación Deportiva). A Deputación Provincial xa tiña comunicado a súa negativa a participar. O Orzamento final é de 366.000 euros. Descontados todos os ingresos por inscricións, patrocinios e colaboracións, aínda quedan por cubrir uns 32.000 euros.

O alcalde informou hoxe do peche dos contratos coas empresas Marathon Photo, para a comercialización de fotografía e vídeo das probas, e Austral, para o “merchandising” de material deportivo. Ambas firmas pagarán unha porcentaxe sobre as vendas. Ao tempo, segue o traballo para acadar patrocinadores privados que axuden a cadrar as contas.

Fernández Lores tamén destacou que está pechada a festa final do Campionato, na que ademais da entrega de premios, haberá un concerto da orquestra Panorama. Será no Recinto Feiral e incluirá un área de “Pasta Party” para os deportistas e acompañantes.

A inscrición para o Mundial está aberta e xa se produciron as primeiras reservas hoteleiras. Hai 389 habitacións dobres contratadas dende Estados Unidos, Canadá, Francia, Australia, Sudáfrica, México e o equipo nacional español. Faltan aínda as reservas correspondentes a moitas federacións nacionais e as da práctica totalidade dos deportistas que competirán nos grupos de idade.

A previsión é contar con 600 duatletas estranxeiros e 400 nacionais. A eles uniríanse outros 200 deportistas que optarían polo Open en distancia sprint que, polo momento, leva a denominación “PontealDU”, aínda que podería cambiar de nome en función dos patrocinios. A participación neste Open, aberto a non federados e a federados sen marca mínima, terá unha cota de inscrición de 40 euros e ofrecerá o atractivo de poder competir sobre a infraestrutura dun mundial.

En canto ao prezo de inscrición para a competición oficial de elite e grupos de idade quedou establecida anteriormente en 100 euros para os españois e portugueses e 155 euros para os duatletas estranxeiros.

Tamén están definidos os circuítos de carreira a pé e sobre bicicleta que servirán de soporte para a competición, tanto na distancia estándar (10 Km a pé, 40 en bicicleta e 5 Km a pé) e sprint, que reduce á metade cada un dos tres sectores. A carreira a pé celebrarase nun circuíto urbano de 2,5 Km, mentres que o de bicicleta terá 5 Km. Trátase dos mesmos percorridos utilizados para o Europeo de Triatlón, coa única salvidade do paso pola rúa de Santa Clara, que estará afectada por obras de reurbanización integral.

José Hidalgo, pola súa banda, subliñou o atractivo deste Mundial de Duatlón, que conta con alicientes engadidos, como a gran presenza de público que sempre se rexistra en Pontevedra, así como os pasos que se están a dar en servizos complementarios de fotografía, merchandising e fin de festa.

O Campionato Mundial consiste en 12 competicións distintas. Comezarán o sábado ás 9 horas e rematarán o domingo, pasadas as 16.30 horas. A xornada do sábado estará destinada á competición oficial. Tomarán a saída os participantes nas categorías Junior mulleres, Junior homes, Paratriatlón, Élite mulleres, Sub23 Mulleres, Élite homes e Sub23 homes. O domingo será a quenda dos Grupos de Idade (modalidade sprint), o Open PontealDU, os Grupos de Idade (distancia standard), o relevo junior e o relevo de élite.