A Concellería de Educación e a Universidade de Vigo impulsan a investigación científica nos colexios e nas familias

47

A investigación bule en Pontevedra. Un proxecto educativo da Concellería de Educación, desenvolvido coa colaboración da Universidade de Vigo, está a converter aos escolares pontevedreses en pequenos científicos afanados estes días en desenvolver proxectos sobre campos de coñecemento relacionados cos estudos universitarios que se imparten en Pontevedra. O programa afronta a súa recta final despois dun intenso traballo preparatorio e de asesoramento por parte dos comités científicos creados en cada un dos centros do campus de Pontevedra.

“Pontenciencia”, un dos programas educativos máis singulares dos últimos anos, foi presentado hoxe polo concelleiro, Agustín Fernández, e pola vicerreitora do campus de Pontevedra, Antonia Blanco. A iniciativa foi posible grazas á consecución dunha subvención da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía, entidade adscrita ao Ministerio de Economía e Competitividade.

Agustín Fernández destacou que non é fácil acadar unha subvención nunha convocatoria de rango nacional e a calidade do proxecto presentado por Pontevedra permitiu esta axuda. Unha mostra máis do compromiso deste Concello coa calidade do Ensino Público, destacou.

Un total de 256 alumnos de Sexto de Primaria, correspondentes aos colexios Cabanas, Froébel, Pontesampaio, San Bieito de Lérez, Parada, Marcos da Portela, Manuel Vidal Portela, Marcón e Carballeira participan neste experimento pedagóxico en diversos equipos. A outra modalidade do programa está dirixida ás familias. Hai inscritas 11 familias con nenos nos últimos cursos de Primaria.

“Pontenciencia” comezou coa celebración duns obradoiros sobre o método científico, nos que se lles introduciu en conceptos metodolóxicos básicos relacionados coa investigación e a obtención de resultados e conclusións.

A colaboración da Universidade permitiu tamén a creación de comités científicos asesores en Forestais, Fisioterapia, Belas Artes, Ciencias do Deporte e Ciencias da Educación. Cada comité elaborou as súas propostas sobre os campos de investigación. O resultado é que os pequenos científicos de “Pontenciencia” están a traballar sobre o crecemento das raíces, erosión eólica e hídrica, retención de auga no solo, os liques como indicadores de biodiversidade, a contracción muscular, funcionalidade do cóbado, fases da respiración, os músculos isquiotibiais, realización artesanal de pinturas, densidade dos líquidos, paisaxe flotante ou fundida, cámara escura, o aire, peso/masa, construción dun submariño, a resistencia aeróbica e o rendemento escolar en relación coa condición física.

Nestes momentos cada un dos equipos formados nos colexios ou nas familias xa está a desenvolver o seu proxecto de investigación. Non obstante, está aberta por moi poucos días a última oportunidade para que as familias que queiran sumarse cos seus fillos se integren no proxecto.

A totalidade dos proxectos de investigación integrarán unha exposición, a “Feira da miniciencia”, que se celebrará na Escola de Enxeñería Forestal. Contará tamén cun concurso no que se premiarán os tres mellores traballos dos colexios e as familias, co obxectivo de dar visibilidade e premiar a excelencia.

Os primeiros premios estarán dotados con 450 euros para os colexios e 325 para as familias. Os segundos, con 300 e 225 euros, respectivamente. Os terceiros, con 218 e 118 euros. Finalmente, poderán concederse catro accesits de 75 euros. Os premios consistirán en cheques-regalo para material escolar ou compras no comercio local.

Finalmente, “Pontenciencia” incluirá unha serie de actividades complementarias para levar a ciencia aos colexios participantes. Consistirán na instalación dunha cúpula astronómica, os espectáculos “Ciencia ou maxia?” e “Maxia Química”, unha exposición fotográfica sobre biodiversidade no río Lérez, exhibición dos cortos científicos “Divulgare” e,finalmente, unha exposición de traballos realizados polos alumnos da facultade de Ciencias da Educación.