Un muro de gavións restaurará o noiro desplomado na avenida de Bos Aires

42

O Concello inicia a vindeira semana os traballos de emerxencia de reparación do noiro desplomado sobre unha beirarrúa da avenida de Bos Aires, próximo á rotonda de entronque da ponte das Palabras co barrio de Monte Porreiro. Logo de estudar varias alternativas, os técnicos municipais optaron por facer un muro de gavións en todo o tramo desprendido que terá un custe de 58.153, 60 euros.
Cabe lembrar que o noiro caiu no mes de xaneiro e está incluído dentro das obras de emerxencias aprobadas polo Concello ese mesmo mes, pero debido ao mal tempo e as intensas precipitacións que duraron até marzo, non se puido acometer até o de agora, coa chegada do bo tempo.
Segundo o informe técnico, a caída do noiro debeuse á saturación da rede de drenaxe da rúa Holanda, que provocou o desbordamento sobre o noiro provocando o seu derrubamento sobre a avenida de Bos Aires. Os técnicos comprobaron que, a maiores, existe un tramo duns 10 metros de lonxitude que ameaza desprenderse en calquera momento, e arrastrar con el parte da rúa Holanda.
A situación, considerada “grave” no informe técnico, levou a valorar tres opcións de intervención. A primeira un muro de contención de formigón que foi desbotado “pola intrusión visual que suporía un muro de 4 metros de altura de formigón visto nun entorno natural moi próximo ao Lérez”. Igualmente foi rexeitado un muro de bloques de pedra porque require un basamento moi ancho, especialmente ao tratarse dun noiro tan vertical, e debido ao escaso espazo da zona.
Finalmente optouse polos gavións porque ten un mellor resultado e combina as vantaxes das dúas anteriores.
Polo tanto, a partir da semana que vén retirarase o material que impide o paso pola beirarrúa. Escavarase e prepararase o desmonte. E farase o muro de gavións de 25 metros de longo por 4 metros de alto, para dar solución a este problema no que non se puido actuar até o de agora.