O procedemento para adxudicación das vacantes no Mercado de Abastos de Pontevedra entra na recta final. A mesa de contratación volveuse reunir hoxe, baixo a presidencia da concelleira de Promoción Económica, Carlota Román, e cumpriu co trámite de apertura das propostas económicas correspondentes ás 26 ofertas recibidas no Concello.
Unha vez examinada polo miúdo a documentación, dous licitadores foron excluídos por terse presentado fóra de prazo e por defectos na proposta, polo que continúan adiante 24 aspirantes.
As bases permiten optar a varios postos de venda e, unha vez examinada a documentación, comprobouse que as ofertas abranguen un total de 68 bancadas e casetas. Non obstante, esta cifra vai quedar reducida porque dáse por seguro que se teñen presentado varias ofertas sobre un número indeterminado de postos.
A partir de agora os técnicos da Concellería de Promoción Económica estudarán a documentación e elaborarán a proposta final de adxudicación. Ao tratarse dun procedemento de poxa, en principio optarase pola mellor oferta económica. Non obstante, hai que ter en conta o previsto nas bases sobre os dereitos de “tanteo” e “retracto” para os actuais praceiros/as e que os ofertantes non poden ter máis de 9 bancadas ou 3 casetas na Praza.
Os titulares das novas concesións gozarán dun período de explotación de 25 anos.
Carlota Román calcula que o proceso estará rematado en poucas semanas e con elo concluirá a primeira convocatoria pública de todas as vacantes da Praza de Abastos de Pontevedra. Con todas as concesións dos usuarios totalmente regularizadas abrirase un novo tempo para ir tomando decisións sobre o futuro dos espazos baleiros na instalación municipal.
A concelleira destaca que tratouse dun procedemento totalmente aberto e transparente, ao que se deu ampla publicidade, e que permitiu que toda persoa ou empresa interesada en traballar na Praza de Abastos tivera oportunidade de facelo.
A Praza de Abastos de Pontevedra dispón dun total de 367 postos de venda, dos que actualmente están baleiros 99.