A disposición o estacionamento gratuíto da Parda tras rematar o seu acondicionamento

59

O Concello de Pontevedra abriu hoxe o estacionando gratuíto da Parda, despois das obras realizadas nas últimas semanas. Ao longo da semana tamén está previsto que se poña a disposición dos condutores o estacionamento gratuíto de Pasarón, unha vez que rematen os traballos complementarios que se están a realizar.
No estacionamento da Parda fíxose unha pavimentación con asfalto; recollida e canalización de pluviais; rampla de acceso dende Xoán Carlos I; plantación de herba no noiro que dá á rúa Losada Diéguez (a parte inferior); e o peche cun valado metálico.
O investimento que se fixo nestas obras complementarias é de 50.000 euros. Cabe lembrar que o estacionamento abriu provisionalmente no Nadal, cun pavimento de grixo, e sen que rematasen as obras debido á proximidade do Nadal. Ademais, debido ao mal tempo dos pasados meses, as obras complementarias atrasáronse até estes días.
O estacionamento da Parda ten unha superficie de 3.000 metros cadrados e unha capacidade duns 100 vehículos, que dá servizo a unha zona onde hai unha grande cantidade de servizos como o Conservatorio, o Centro de saúde, a escola infantil, os xulgados, ademais do comercio dun barrio en pleno crecemento residencial.
Ao respecto do estacionamento de Pasarón, a Concellaría de obras que xestiona Luís Bará ten previsión de polo a disposición dos condutores ao longo desta semana. Neste caso, fíxose unha canalización de pluviais e mellorouse a drenaxe do terreo cunha capa inferior de grava.
O anterior pavimento, de xabre, substitúese por grixo, xa que é máis compacto e resistente coa intención de que se solucionen os problemas de empozamentos da parcela.
O custe desta intervención foi de 33.650 euros.