Congreso de Xeriatría e Xerontoloxía: Pontevedra explora un novo punto de partida para un envellecemento activo e positivo

71

Durante os próximos 20 e 21 de xuño vaise a celebrar en Pontevedra o XXVI Congreso Internacional da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría (SGXX). Un foro que baixo o lema "Estilo de Vida 3.0. Analizando as claves dun envellecemento positivo" vai supoñer un novo punto de partida para a abordaxe do proceso. Así o puxeron de manifesto este xoves a presidenta do Comité Organizador do Congreso, Lucía Saborido; o presidente da SGXX, docente e investigador da Universidade da Coruña, José Carlos Millán Calenti, e a concelleira de Promoción Económica do Concello de Pontevedra, Carlota Román.

O Congreso chega a Pontevedra gracias ao traballo de comercialización que está a facer a Oficina de Congresos de Pontevedra, que facilitou a chegada deste evento, no que se agarda a participación de entre 300 e 400 persoas diarias. Carlota Román enfatizou o traballo que se está a facer dende este departamento, que xa fixo posible o peche dun total de 18 eventos feirais e/ou congresuais ao longo deste ano.

O programa do Congreso, matizou Millán, "contén as claves para un envellecemento positivo, activo, digno e saudable dende unha perspectiva metodolóxica e epistemológica holística, integral". Este experto destacou que, segundo os últimos datos do INE (xaneiro 2014) en Galicia diminuíu o número de habitantes, pero o envellecemento poblacional segue avanzando. Dunha poboación de 2.765.940 persoas, o 23,14 por cento, unhas 640.000, ten 65 anos ou máis e case 100.000 (99.912) superaron os 85 anos. É dicir 3.226 persoas maiores de 85 anos máis que en 2012.

Un dato "treméndamente positivo", destacou, "pois todos queremos vivir máis e mellor" e que en Galicia supón unha esperanza de vida de 82 anos cando a comezos do século pasado era de 40 anos tan só, ou sexa, que vivimos máis e mellor".

Millán opina que "neste marco de crise económica, de atención, e ata social, desde a SGXX, como entidade que agrupa aos profesionais que estudan o envellecemento e a súa atención en Galicia, debemos incrementar o noso apoio a este colectivo, que despois de lograr unha sociedade máis xusta e equitativa, ve agora como os novos tempos, lonxe de consolidar o sistema de atención, vaino desintegrando". "Se propoñemos medidas para que non haxa que actuar cando xa se desenvolveu a enfermidade, senón antes, chegaremos mellor a vellos e o envellecemento será activo e positivo, será unha etapa vital na que podemos facer cousas e non unha época pasiva e a espera de acabar a vida".

Nesta idea da SGXX de envellecer positiva e activamente, a entidade, comentou o seu presidente, "pon a disposición da sociedade un Estilo de Vida 3.0 para conseguilo: promover o envellecemento saudable a través da actividade física, mental e emocional", ata tal extremo que, asegurou, "as persoas que cheguen a maiores en peor estado serán aquelas que non cumpran estes criterios". Por iso, afirmou, "se actuamos en prevención mellorarase, sen dúbida, a calidade de vida na vellez".

Esta é o labor que a SGXX quere arraigar en toda a sociedade, incluídas as Administracións. Un obxectivo que levará a cabo a través deste congreso onde extraerán todo tipo de conclusións neste ámbito co obxectivo de "axudar a superar este marco de crise económica, de atención, e ata social que tanto dano está facendo ao colectivo de persoas maiores".

Lucía Saborido destacou que o lema Estilo de Vida 3.0 débese a que este é un foro totalmente innovador, actual, integrador, internacional e aberto ao mundo na procura de ferramentas que faciliten este tipo de envellecemento activo e positivo que, basicamente, "lógrase actuando a nivel físico, mental, emocional e social". Desta forma, "mellorarase sen dúbida a calidade de vida das persoas maiores". Un encontro internacional que aportará para iso, continuou, "novas tendencias, novos modelos de vida, de residencia e de coidados, os últimos datos en investigación e a presentación de todo tipo de alternativas actuais e modernas en torno á vida das persoas maiores" sen esquecer mesas de debate, obradoiros e foros onde se presentarán "multitude de experiencias das propias persoas maiores que van participar en distintos relatorios ou recentes visións académicas e empresariais".