O Concello réndelle homenaxe a Ernestina Otero Sestelo, profesora da Escola Normal

45

Despois da constitución formal do pasado mes de decembro, hoxe tivo lugar a primeira xuntanza de traballo do consello asesor do proxecto, na que se fixo balance dos primeiros meses de actividade e se aprobou o plan de traballo para o segundo trimestre do ano.
Na reunión tratáronse os seguintes temas:
• Informe sobre os primeiros meses de actividade: traballo de documentación nas parroquias de Lérez, Salcedo e Santa María de Xeve; desenvolvemento do programa nos centros escolares colaboradores; Día de Rosalía; encontros arredor do libro “Matriarcas, mulleres en pé de vida”
Primeiro borrador do documento base para a elaboración da enciclopedia das mulleres, nas que se recollen os nomes e datos biográficos dunhas 70 mulleres que viviron na cidade entre o século XIV e a primeira metade do século XX; inclúense nomes de mulleres da nobreza, bruxas e adiviñas, encaixeiras, comerciantes, ensinantes, escritoras, vendedoras de peixe, deportistas, científicas ou mulleres que exerceron a súa actividade no ámbito musical, teatral, da política ou das artes plásticas. O primeiro borrador da enciclopedia das mulleres inclúe nomes como a navegante Isabel Barreto (sec XVI), as meigas Ana Rodríguez e Leonor da Fonte (séc XVII), as encaixeiras Micaela de Boxas ou Dominga de Lemos (séc XVIII), a comerciante Clara López (Almacéns Clarita); as ensinantes Josefa Iglesias Vilarelle, Ernestina Otero ou Daría González García; as pintoras Carmen Babiano ou Mercedes Ruibal; as escritoras Aurora Vidal, Olegaria Dieste ou María Victoria Moreno; a fotógrafa Cándida Otero ou a científica Inmaculada Paz Andrade.
• Promoción da presenza da memoria das mulleres no espazo público: estudáronse as seguintes medidas
– Denominación de espazos públicos: rúas, prazas…
Propostas de nomes a partir do documento elaborado por  Aurora Marco (de momento non se van aprobar por haber unha decisión que lle dá prioridade aos nomes xeográficos (microtoponimia) e denominacións tradicionais.
-Denominación de equipamentos públicos. Traballarase na elaboración dunha listaxe de nomes para a denominación de equipamentos como centros sociais, instalacións deportivas, bibliotecas e centros educativos; respectarase a autonomía das institucións titulares dos equipamentos.
-Rotulación de lugares, espazos públicos, equipamentos relacionados coa historia das mulleres: incluiranse rótulos con mulleres a título individual e tamén placas que lembren a mulleres de xeito colectivo (oficios)
-Roteiros urbanos para salientar o protagonismo e a presenza das mulleres na historia da cidade.

Entre as actividades propostas para o segundo trimestre están:
-Abril: roteiro O río, o mar e as mulleres das Moureiras
-Maio: II Simposio represaliadas e resistentes (A escola represaliada e resistente). Homenaxe á profesora e directora da Escola Normal de Pontevedra Ernestina Otero Sestelo.
-Xuño: presetación dos traballos realizados polos centros educativos que participan no programa.

Ernestina Elena Otero Sestelo
Directora de escola normal e presidenta do Consello Provincial de Primeiro Ensino. (Artigo do Album de mulleres do Consello da Cultura Galega).

Ernestina Otero Sestelo nace en Redondela en 1890. Dende o principio, a súa traxectoria estudantil e profesional oponse, no que á educación das mulleres se refire, á ideoloxía dominante do momento orientada fundamentalmente á formación de boas fillas, nais e esposas.
Ao rematar os estudos primarios na vila natal, cursa a carreira de Maxisterio na Escola Normal de Pontevedra (1904-1908), onde obtén a calificación de sobresaliente. Ao ano seguinte decide marchar a Madrid para ampliar horizontes na Escola de Estudos Superiores de Maxisterio, creada nese mesmo ano co fin de formar o profesorado das escolas normais e o persoal de inspección. Este centro, que destacou enormemente pola súa novidosa metodoloxía e polo seu sistema organizativo, impartía un programa de materias altamente especializado: Pedagoxía Fundamental, Historia da Pedagoxía, Organización Escolar Comparada…, ademais das materias específicas de cada sección e das linguas estranxeiras. Alí, Ernestina toma contacto con xente da Institución Libre de Ensinanza, de ideas progresistas en materia pedagóxica: ensino laico, coeducación… En xullo de 1913 obtén o seu título na sección de Ciencias.
A partir de 1915 ocupa a praza de Pedagoxía na Escola Normal de Pontevedra, da que será directora algún tempo durante a República. Tamén en tempos da República presidirá o Consello Provincial de Primeiro Ensino.
Ernestina exerceu sempre coherente aos seus principios e demostrou unha enorme vontade de renovación, que tratou de transmitir ao seu alumnado. Foi impulsora e activa partícipe de proxectos pedagóxicos ben interesantes. Organizou viaxes culturais a museos, lugares históricos, instalacións industriais e centros de investigación. Puxo en marcha campos agrícolas experimentais, comedores e colonias escolares. Prestou especial atención ao fomento da asistencia á escola, para o que contribuíron en boa medida os roupeiros escolares, que nacen en 1920 de forma experimental co obxectivo de favorecer a asistencia ás aulas, ao tempo que contribuían con roupa e calzado á mellora da situación económica de moitas familias. Tamén atendeu ao estudo das características propias de Galicia, á educación de adultos e ás necesidades particulares das nenas e nenos, así como á reciclaxe do profesorado, sobre todo do rural. Ademais, defendeu a coeducación e os dereitos da muller. En 1933 asinou o Manifesto de Intelectuais a favor do Estatuto de autonomía para Galicia. Só outra muller, María Cruz Pérez, asina o dito documento.
Este proxecto de escola é derrubado co estalido da Guerra Civil e Ernestina, que non renega da súa actuación durante a República, é suspendida de emprego e soldo en novembro do 36, xunto cuns 60 profesionais máis, grupo no que tamén se atopa Castelao. A mesma sorte corren inmediatamente despois as súas irmás Lola e Esperanza, mestras de primeiro ensino. En xuño do 37 é separada definitivamente do servizo académico e dáselle baixa no escalafón. O seu círculo familiar e de amizades é vítima da brutal represión do réxime; ela sobrevive coas aulas particulares, que lle serven, a pesar das constantes multas que se lle impoñen, para manter a súa familia. Durante esta época converte a botica do seu home nun roupeiro, esta vez ao servizo de presas e presos políticos.
Ao rematar a Guerra é revisado o seu expediente, resólvese a anulación da separación definitiva do ensino e é sancionada coa suspensión de emprego e soldo por dous anos, con inhabilitación para cargos directivos e cun desterro á Escola Normal de Ourense, onde exerceu durante dez anos, entre métodos e temarios desenterrados polo franquismo. Continuou coa súa loita fóra das aulas, axudando as orfas/os da guerra e as fillas/os das presas/os.
En 1951 puido regresar a Pontevedra, onde morreu cinco anos despois, aos 65 anos.

Autor/a da biobibliografía: Olalla Márquez Losada.