Comezan os traballos de rehabilitación do lugar dos Cunchidos, en Lourizán

69

O Concello de Pontevedra inicia mañá os traballos previos para a rehabilitación integral do lugar dos Cunchidos, na parroquia de Lourizán. As obras comezarán paseniñamente coa instalación do centro de traballo, valados, zafarrancho de limpeza… de tal xeito que a mediados de semana poderase xa estar traballando no levantamento de pavimentos e outros labores.
Os traballos  que se realizarán son diversos: eliminación de barreiras, accesibilidade, mellora de pavimentos, canalizacións de pluviais, entre outros moitos pequenos traballos que pretenden ennobrecer a estrema do concello de Pontevedra co de Marín, un dos poucos barrios mariñeiros que aínda conserva a capital.
A rehabilitación comezará cun zafarrancho de limpeza en todo o barrio do Pexegueiro. Tamén se eliminarán barreiras arquitectónicas suavizando as duras pendentes co cambio de firmes, mellora de ramplas e colocacións de pasamáns para facilitar o tránsito peonil do barrio, especialmente para a poboación de máis idade.
Tamén está previsto actuar nas conducións da auga, que están escavadas na pedra. Cubriranse con rexas e selaranse ben para que a auga non entre nas casas.
Os firmes máis deteriorados ou os que están en terra substituiranse por formigón, enmarcado en lastro cada dous metros. Nas zonas que está mellor, encintarase. Nun lugar concreto da actuación, empregarase unha resina nova baixo a rúa para garantir a estabilidade de dúas vivendas que teñen comprometida a súa cimentación.
Está previsto facer todos os traballos á man, dado que as rúas son moi estreitas, todas peonís. O investimento é de 38.700 euros, segundo explicou no seu día o concelleiro Demetrio Gómez, delegado da parroquia de Lourizán e impulsor dos traballos previamente consensuados no Consello parroquial.