Manuel Caamaño abre as III xornadas de Patrimonio Rural centradas na participación social

59

As terceiras Xornadas de Patrimonio Rural organizadas pola Concellaría de Patrimonio Histórico, que dirixe Luís Bará, comezan este xoves, 3 de abril, e prolongaránse até o sábado 5, tempo no que se debaterá sobre “Patrimonio e Participación”. A Casa das Campás, onde se impartirá a conferencia inaugural de Manuel Caamaño Suárez, e a Misión Biolóxica de Galiza serán os espazos nos que se desenvolverán estas xornadas que chegan a súa terceira edición cun programa composto por intervencións de especialistas e representantes de asociacións de defensa do patrimonio.
“O patrimonio galego das construcións rurais da etapa preindustrial” a cargo de Manuel Caamaño, abrirá o día 3 as xornadas. Manuel Caamaño Suárez, profesor da Escola Universitaria de Arquitectura de A Coruña, é autor de As construccións da Arquitectura Popular. Patrimonio Etnográfico de Galicia, unha obra de referencia, que reúne, de maneira enciclopédica, o saber sobre as construcións da arquitectura popular galega, ou arquitectura sen arquitectos. Por esta obra recibiu o Premio  Antón Losada Diéguez de investigación en 2004, e o Premio da Crítica de Galicia de investigación en 2004.
O venres 4, as xornadas trasládanse á Misión Biolóxica de Galicia, no Pazo de Gandarón (A Carballeira-Salcedo). Ás 17.30 horas intervirá o coordinador do proxecto Patrimoni da Universidade Jaume I de Castellón, Ángel Portolés Górriz, que falará sobre “O proxecto Patrimoni como proceso de revalorización do patrimonio cultural no medio rural de Castellón”. Portolés presentará un programa de extensión universitaria que ten como finalidade envolver as comunidades locais na protección, promoción e divulgación do patrimonio en ámbitos rurais.
A continuación presentaranse as experiencias de asociacións que están a traballar pola recuperación e promoción do noso patrimonio cutural, de maneira especial no ámbito rural. Xosé Lois Vilar Pedreira, director da Sección de Arqueoloxía, do Instituto de Estudos Miñoranos (IEM), Lois Diéguez, presidente de Lugo Patrimonio, Consuelo Castro, vicepresidenta de O Sorriso de Daniel e Manuel Vilar, vicepresidente do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte serán as persoas que achegarán iniciativas nas que a participación social é a clave para as súas accións.
O sábado 5 a sesión comezará ás 10 da mañá coa conferencia do xornalista e profesor da Universidade de Santiago Manuel Gago, titulada “Patrimonio, participación e comunicación”. Por medio dunha mesa redonda achegaranse tamén propostas institucionais novidosas como o Proxecto Alto Támega do que falará a súa directora Beatriz Comendador Rey,  Museo Aberto de Carnota, que explicará o concelleiro de cultura Iván Franco Caamaño, ou a Vila Romana de Currás (Tomiño), contada pola súa directora Silvia González.
O programa rematará coa intervención do concelleiro de Patrimonio Histórico de Pontevedra, Luís Bará dando conta da participación social en proxectos e procesos da área no Concello. 
Para se inscribir, con carácter gratuíto, cómpre dirixirse ao correo electrónico patrimoniocultural@pontevedra.eu.

Ver documento PDF