Os traumatólogos galegos cítanse en Pontevedra para celebrar o seu congreso

41

Os mellores especialistas no campo da Traumatoloxía estarán en Pontevedra durante as xornadas do 13 e o 14 de xuño para participar no XXVI Congreso da Sociedade Galega de Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía (Sogacot), que organiza esta sociedade en colaboración coa Oficina de Congresos de Pontevedra e a Concellería de Turismo.

O evento foi presentado hoxe pola concelleira Carlota Román e os doutores Manuel Muiña e Eduardo Vaquero, traumatólogos do Complexo Hospitalario de Pontevedra e máximos responsables do comité organizador.

Román subliñou que este congreso forma parte dunha programación anual na que xa hai reservadas 18 datas, o que confirma a Pontevedra como unha peza cada vez máis relevante do mapa feiral galego. O tamaño, funcionalidade e situación das estruturas feirais e congresuais de Pontevedra, xunto cunha promoción axeitada, explican este crecemento, que contrasta coa crise feiral que se está a vivir en todo o Noroeste español, destacou a edil.

Manuel Muiña recalcou que o doutor Miguel Cabanela, que vén de operar a El Rei Xoán Carlos I para implantarlle unha nova prótese de cadeira, será o relator estrela do congreso, no que se agarda a participación duns 200 traumatólogos chegados de toda Galicia.

Enrique Vaquero subliñou que o programa será moi actual e pivotará ao redor das lesións deportivas na man e no pulso, as fracturas nos nenos e nos anciáns, a patoloxía de cadeira infantil e os recambios protésicos.

O doutor Cabanela presentará “Os 10 mandamentos na cirurxía de revisión protésica de cadeira”. Outros ponentes destacados serán Íñigo Etxebarría, que presentará a nova guía clínica da osteoroporose, e Pedro González Herranz, quen falará sobre actualización na patoloxía de cadeira infantil.

Máis información en https://www.sogacot.org.