A Concellería de Turismo apoia á Fundación de Amigos do Camiño Portugués

54

A concelleira de Promoción Económica, Carlota Román, e o presidente da Fundación Camiño de Santiago, Celestino Lores, abordaron hoxe os pormenores do convenio que ambas entidades asinarán para financiar as actividades de promoción do Camiño correspondentes a este ano 2014.

A achega municipal será dun importe de 8.000 euros e axudará a sufragar o custo das actividades de peregrinación a pé polo Camiño Inglés a Santiago e a programación do Encontro de Hospitaleiros, que este ano incluirá tamén un Concerto do Camiño, que se celebrará durante o mes de setembro.

Carlota Román destacou que esta achega é a única que recibe a Fundación de Amigos do Camiño Portugués. Os albergues, explicou, están abertos gracias ao traballo de asociacións de voluntarios, como é o caso dos Amigos do Camiño Portugués e, por iso, resulta vital que os concellos continuemos apoiando este tecido social que mantén vivos os Camiños a Santiago.

Román denuncia a escasa vontade de investimento público das institucións supramunicipais, a Xunta e a Deputación, que son as que deberían manter en perfecto estado de revista todo o trazado do Camiño Portugués ao seu paso pola provincia de Pontevedra.

O texto do convenio recolle na exposición de motivos que a Fundación Camiño de Santiago figura inscrita no Rexistro de Fundacións do Ministerio de Cultura desde o ano 2005. A fundación, desde a súa constitución, leva a cabo unha serie de actividades de promoción do Camiño de Santiago, en especial do Camiño Portugués que ten o seu paso por Pontevedra, así como é a encargada do mantemento do Albergue de Peregrinos “Virxe do Camiño” de Pontevedra, estas actividades, e outras, merecen o recoñecemento e apoio da institución municipal dado o seu interese para a cidadanía pontevedresa e utilidade pública.

O Camiño Portugués captará este año, segundo as previsións, preto de 30.000 peregrinos. As choivas dos primeiros meses deste ano deixáronse sentir nas cifras visitantes. Non obstante, a afluencia incrementarase especialmente durante a Semana Santa e, a partir de aí comeza a temporada de verán. Xa contan coas primeiras reservas de distintos grupos, entre eles italianos, portugueses, polacos e peregrinos que chegarán de case todas as comunidades autónomas. Este ano coincide co 800 aniversario da peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago, circunstancia que xa se está deixando notar nas reservas por parte de determinadas congregacións relixiosas.

A Fundación Camiño de Santiago forma parte da Oficina de Congresos de Pontevedra, o órgano da Concellería de Turismo encargado de captar e proporcionar apoio loxístico e organizativo a todo tipo de eventos. A fonda relación co turismo dos “amigos do camiño” e a posibilidade de que acheguen servizos engadidos xustifica plenamente esta medida, destacou a concelleira.