A residencia da Once, en obras

72

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado dos concelleiros Demetrio Gómez e Carmen Fouces visitou esta mañá as obras de impermeabilización e acondicionamento de dúas plantas da residencia da Once, situada en Campolongo, e propiedade municipal.
En compañía de representantes veciñais das tres asociacións que xa confirmaron que ocuparán a planta baixa e o semisoto do edificio: Salcedo Norte, Estrigueiras e Amigos de Campologo, visitaron o edificio e púidose comprobar o estado de deterioro “por estar pechado e por non estar sendo usado durante anos”.
O alcalde explicou que había un problema de funcionamento de recollida de augas pluviais, que ían canalizadas a través da parede e que ao obturarse a canalización estaba afectando a todo o edificio que está repleto de humidades.
Cun orzamento de 170.000 euros, o Concello está acometendo a impermeabilización do tellado e das paredes, e acondicionando a planta baixa e o semisoto; estas obras poderán estar rematadas antes do verán, sendo as previsións do Concello.
O alcalde adiantou que o Concello xa traballa na cesión do resto de plantas do edificio (ten dous semisotos, planta baixa, e tres en altura) “a outras entidades que están reclamando espazos de encontro”.