Este domingo volve o Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra coa pedestre de Monte Porreiro, Gran Premio UNED

74

O barrio de Monte Porreiro acolle esta fin de semana a segunda edición da súa carreira pedestre Gran Premio UNED, que organiza a Concellería de Deportes no marco do Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra (CCCP).

A proba, prevista para este domingo ás 12.00 horas, foi presentada hoxe na sede da Universidade a Distancia polo concelleiro, Agustín Fernández; o presidente da Sociedade Ximnástica, Ramón Touza; o presidente da Asociación de Veciños, Carlos Diéguez, e a directora da UNED, Beatriz Rodríguez.

O concelleiro Fernández destacou a progresiva implantación do CCCP que conta a estas alturas da temporada con 203 corredores inscritos, unha cifra un 25% superior á rexistrada o ano pasado por estas datas. As inscricións no circuíto poden realizarse ata o próximo mes de xuño, coincidindo co 10.000 nocturno PonteNoite (as clasificacións realízanse cos catro mellores resultados das seis carreiras que compoñen o circuíto). Non obstante, o concelleiro de Deportes recomendou inscribirse canto antes para poder gozar das vantaxes de gozar a prezo reducido de todas as carreiras que o compoñen.

O responsable municipal destacou que o de Pontevedra é o único circuíto popular de Galicia que permite correr media ducia carreiras cunha cota de inscrición única de 30 euros, mentres a maioría das ofertas doutras cidades non ofertan un prezo global, senón que é preciso irse inscribindo sucesivamente en todas as carreiras, cun custo global moi superior.

O CCCP naceu para responder á inquietude de centos e centos de pontevedreses que calzan as zapatillas e saen a correr varios días á semana. Pensamos que con esta idea démoslles un aliciente para seguir adestrando e, ao tempo, animamos a outras persoas para estrear un estilo de vida máis saudable, recalcou Agustín Fernández.

En canto á carreira de Monte Porreiro, mantén o esixente deseño do ano pasado, con dúas voltas ata totalizar unha distancia total de 8.000 metros. A día de hoxe xa hai 258 inscricións a través da plataforma www.championchipnorte.com, o que fai presaxiar que se van superar os 384 participantes adultos do ano pasado. O prazo de inscrición individual para esta proba remata á media noite de mañá martes. Os nenos comezarán a correr ás 11.10 horas e a saída para os adultos será ás 12.00 horas.

Mantense a modalidade da inscrición por parellas que tan bos resultados proporcionou na primeira edición. Ademais, os alumnos da UNED e os parados gozarán de inscrición gratuíta, pois o importe abonado seralles retornado a través da pasarela de pago despois da carreira.

A proba contará con servizo de gardarroupa na sede da UNED e duchas no ximnasio do colexio Marcos da Portela, superando así unha das eivas da primeira edición.

Ao remate haberá chocolatada e rosca, cortesía da asociación veciñal de Monte Porreiro.

Despois da celebración desta segunda proba do CCCP, aínda quedarán por correrse outras catro para completar as seis previstas no circuíto: a terceira carreira será o 10.000 nocturno polo centro da cidade en xuño; a continuación, a carreira do Santiaguiño do Burgo, sobre un circuíto renovado de 5.700 metros, o próximo 25 de xullo. A penúltima proba será en setembro, coa carreira de Campañó e unha distancia de 9.650 metros. Finalmente, chegará a gran cita do medio maratón de Pontevedra a mediados de outubro.