A rúa Pelamios pasará a ser de dirección única

71

A Comisión de Infraestruturas abordou esta mañá as propostas da Policía Local de reordenación de tráfico para o ámbito do ambultario Virxe Peregrina, así como a mellora da mobilidade e accesibilidade na avenida de Compostela.

A Policía Local enviou unha proposta ao Goberno na que se fan propostas, algunhas xa realizadas e outras que son recollidas polo Goberno Local pero que non se acometerán, cando menos, polo de agora. Unha das medidas foi desplazar as zonas de estacionamento reservado para a Subdelegación do Goberno na rúa Martitegui (4 prazas a ambos lados da rúa), así como unha praza reservada para a Universidade na rúa Alameda.

A Policía Local propón a preferencia peonil no segundo tramo da rúa Alemda (dende Echegaray a praza de España) coa creación dunha plataforma única dado que o tráfico é moi restrinxido aínda que o concelleiro Luís Bará explicou que habería que regular o acceso ao parking e ao centro histórico dado que os vehículos acceden por esta vía.

Ao respecto da rúa Echegaray, a Policía propón a ampliación de beirarrúas e limitar o estacionamento a un só lado da rúa. Luís Bará dixo que se trataría unha obra de moita envergadura que non sería asumible neste mandato.

Tamén se informou da intención de crear pasos de peóns elevados na rúa Raíña Vitoria no instituto Sánchez Cantón, especialmente na entrada, para mellorar a seguranza dos rapaces que acceden a diario ao centro de ensino.

O concelleiro tamén informou da intención próxima de fixar un só sentido de circulación na rúa Pelamios (sentido en dirección a Raíña Vitoria), dado que ten unha zona moi estreita que complica moito o dobre sentido neste ámbito.

Luís Bará tamén deu conta da reunión mantida onte pola tarde cos veciños da avenida de Vigo, onde se informou das melloras do desdobramento, cal será o sentido de tráfico da avenida de Vigo, o deseno da avenida unha vez que se realice o desdobramento así como as conexións entre ambas, o estacionamento. Neste último punto o concelleiro informoulles que de haber suficiente demanda, o Concello está disposto a crear un estacionamento de balde na zona (nunha parcela municipal próxima ao instituto Torrente Ballester).

Na reunión tamén se informou do novo centro social Sur, das melloras da estación de autobuses, e das obras que se executan na do ferrocarril que farán do barrio Sur da cidade o epicentro das melloras urbanas nos vindeiros anos.

Luís Bará informou que o xoves reunirase por vez primeira a mesa de contratación para as obras do desdobramento da avenida de Vigo, para comprobar a documentación e -de estar todos ben- pasarase aos servizos técnicos para a valoración dos proxectos.

Seguindo estas previsións, o concelleiro mantén o inicio das obras para o verán.