Conferencia de Alberte Reboreda sobre o Castelo de Ponte Sampaio

45

A Casa da Cultura de Ponte Sampaio acolle mañá pola tarde, a partir das 20.00 horas, a conferencia do arqueólogo Alberte Reboreda sobre o castelo medieval de Ponte Sampaio. Está conferencia está incluída dentro do Ciclo sobre a historia e a memoria das parroquias de Pontevedra.Un castelo medieval na ría de Vigo. A fortaleza de Ponte Sampaio     

Por Alberte Reboreda. Arqueólogo    


“Xunto coa torre de Cedofeita de Lérez, o Castellum de Santi Pelagii de Luto ou de Lodo foi unha das torres medievais que se levantaron extramuros da cidade de Pontevedra para controlar e protexer a rede de camiños que transitaban ao longo da Depresión Meridiana. Pero a fortaleza de Ponte Sampaio non era un castelo máis. A súa localización, á beira da desembocadura dun río que facía de límite natural entre dous territorios sometidos a xurisdicións diferentes –a Terra de Turonio ao sur e a de Santiago ao Norte- responde a razóns estratéxicas evidentes que tamén se vinculan aos saqueos dos “bárbaros do norte” que asolaron as costas galegas entre os séculos VIII e XII.   
Hai agora douscentos cincuenta anos o Padre Sarmiento escribía:    “Castelo es una isletilla enfrente de la puente San Payo, y se llama o Castelo con ruínas muy antiguas y una piedra con algunas letras”.   
Efectivamente, a Illa do Castelo sitúase a carón do recheo do que foi a fábrica de cerámica Pontesa, que fora promovida polo empresario Moisés Álvarez. Cómpre non confundila coa Insuíña ou Illa de Medal, unha porción de terra unida ao continente por medio dunha ponte que foi propiedade do artista ponteareán Antonio Medal Carrera e que hoxe é de titularidade pública, estando aberta a todos para deleite da humanidade.   
A primeira referencia da existencia deste castelo remóntase a finais do século X, cando Almanzor o tería destruído no contexto da razia sobre Compostela, mais as primeiras referencias documentais certas, segundo os estudos de González-Paz (2009), sitúannos no século XII, cando foi propiedade do conde Raimundo de Borgoña, “que cobraba portazgo a los caminantes, mercaderes y peregrinos que se dirigían desde el área miñota gallego-portuguesa a Santiago de Compostela”. A medida resultaba claramente disuasoria para os peregrinos, de aí que no ano 1.105 o bispo Diego Xelmírez quixo compensar ao conde cun importe equivalente aos beneficios que lle reportaba a súa tenza. Seis anos despois a fortaleza medieval de San Paio volverá protagonizar un relevante feito histórico con motivo da proclamación de Alfonso Raimúndez como Rei de Galicia na catedral compostelá. Despois da morte de Raimundo de Borgoña, a súa viúva, Urraca de Castela, casou co Rei Alfonso I de Aragón, o que provocou un grande rexeitamento nunha parte da nobreza galaica. Nese contexto dous partidarios do monarca aragonés refuxiáronse nas fortalezas de Darabo (o Darbo de Cangas) e Santi Pelagii de Luto, o que levou a Urraca a pedir axuda militar a Xelmirez, quen fretou unha das primeiras armadas das que temos constancia na historia de Galicia a fin de que, en palabras da Historia Compostelana, “se dirigiesen a dicho asedio para rodear por todas partes el castillo de Puente Sampayo que, situado en la orilla del mar, estaba defendido por un lado por su posición y por otro por el embate del propio mar”.   
O castelo de San Paio mesmo chegou a ser fronteira entre os reinos de Portugal e o de León e Galicia, encabezado este último polo monarca Fernando II. Así o rei luso Afonso Henriques foi nomeado tenente Toronium (Turonio correspóndese, grosso modo, co territorio que hoxe ocupa a diocese de Tui-Vigo) e no seu nome un servo ostentou o título de opidum Sancti Pelagij de Luto en 1160, facendo de Ponte Sampaio o punto máis setentrional documentado de dominio portugués no noroeste peninsular. Case unha década máis tarde Afonso Henriques é derrotado, o que explica que a fortaleza sexa vendida á Igrexa de Santiago polo rei Alfonso IX, pero o castelo, mais unha vez, volverá de forma temporal a mans lusas en 1.197 (Fernández Rodríguez; 2004), despois de ser conquistado xunto as cidades de Tui e Pontevedra.   
Ao longo do século XIII as referencias documentais relativas á fortaleza de San Paio multiplícanse, chegando incluso a situar nela ao monarca galaico-leonés Alfonso IX (neto de Afonso Henriques) en 1.228 con ocasión da doazón da illa de San Martiño (unha das tres que conforman as Illas Cíes) a un mestre de nome Pedro, quizais para a erección do mosteiro medieval que esa illa acolleu. Da centuria seguinte coñecemos datos que sinalan o noso castelo como propiedade da Igrexa de Santiago, institución á que lle reporta unhas rendas de cinco centos marabedís, unha parte deles en concepto de “pertigueria” e “portagee”, o que evidencia que o arcebispo compostelán restituíra a peaxe sobre a ponte de San Paio.   
Derrocada no século XV   
Do século XIV datan as últimas citas históricas que coñecemos desta fortaleza, que tería sido derrocada na centuria seguinte, non polas revoltas irmandiñas (1466-1469), senón pola linaxe dos Soutomaior, titulares do castelo próximo do mesmo nome enfrontados cos Fonseca, nomeadamente co arcebispo Alonso II. Segundo algunhas das testemuñas que comparecen no preito Tabera-Fonseca, as pedras que deron forma aos seus muros foron levadas a Redondela por Álvaro de Barzia “para construír casas”. Outras voces sitúanas no outro lado da ría “para construír la Igglesia de Vigo”, e incluso empregadas na fortificación da ponte sobre o río Verdugo con dúas novas torres “para defension de la puente San Paio e del camino della”, de forma que puido adquirir un aspecto semellate á que presentaba a pontevedresa Ponte do Burgo cando fora debuxada por Pier María Baldi en 1669.