A Concellería de Educación celebra o Día do Libro agasallando aos rapaces do Cartafol do Lérez

53

Os colexios de Pontevedra celebraron hoxe, 23 de abril, o Día Internacional do Libro. Os 523 alumnos que participan no programa de animación á lectura e á escrita creativa, O Cartafol do Lérez, recibiron un exemplar de “Astro, valente explorador”, de Javier Olivares, ou de “Vilaverzas”, de Miguel Robledo.

O concelleiro de Educación, Agustín Fernández, estivo esta mañá cos rapaces de Quinto e Sexto de Primaria do colexio da Carballeira (Lourizán) para celebrar a efeméride. Alí entregou 17 exemplares de “Vilaverzas” aos rapaces, que tamén dedicaron a mañá a coñecer o primeiro avance do sexto número do Cartafol do Lérez, o xornal escolar no que se recollen os seus traballos, e que xa está dispoñible na Internet.

Fernández, que estivo acompañado polos responsables da editorial pontevedresa Kalandraka como responsables deste programa, asinou e dedicou boa parte dos exemplares que recibiron os alumnos. A eles animounos a ler sempre, “porque o Día do Libro ten 365 días no ano”.

O equipo directivo do Carballeira recibiu tamén a sorpresa de que a Concellería de Educación doa a este centro os 154 libros (43 para o tramo de Educación Infantil e 111 para o de Primaria) das “maletas viaxeiras”, unha colección que estivo circulando polos colexios pontevedreses dende o ano 2010 e que fixo a súa última parada en Lourizán.

Tanto “Astro” como “Vilaverzas” son dous comics que apostan polo humor. No primeiro cóntase a historia dun extraterrestre que, ao tempo que nos descobre os segredos do cosmos amosa que, no fondo, todos somos moi parecidos. “Vilaverzas” é unha aldea fantástica na que perderse e gozar das aventuras dos seus habitantes.

O Cartafol do Lérez continuará a desenvolver os seus obradoiros durante este curso escolar pasando polos colexios de Ponte Sampaio, Álvarez Limeses, Marcos da Portela, Santo André de Xeve,Vilaverde (Mourente), Froébel, Marcón, Lérez e A Carballeira.

Os obradoiros xiran ao redor de 15 libros da editorial pontevedresa. Así, ademais dos dous títulos utilizados para agasallar aos rapaces neste Día do Libro trabállase sobre os contidos de Sálvate Elías!; Os amigos de Archimboldo Roque; Comandante Hussi; A nube de Martín; 29 historias disparatadas; Non hai escapatoria…; A guía Necsia; Ai, Filomena, Filomena!; Imaxina animais; Contos para nenos que dormen deseguida; Almanaque musical; Me aburro! e Pan de Millo.

Está previsto que para o próximo día 17 de maio, Día das Letras Galegas, sexa presentada a versión en papel do Cartafol.