Aparece un pavimento aínda por datar nas obras de rehabilitación da Gándara

63

O concelleiro coordinador do rural, Demetrio Gómez visitou esta mañá as obras de rehabilitación integral da rúa da Gándara, unha primeira fase de 223 metros lineais, que consiste na renovación de todos os servizos, coa instalación dunha rede de saneamento e a rede separativa de augas fecais e pluviais, e pavimentación. Completarase con sinalización horizontal e vertical.
Trátase dunha actuación moi necesaria, porque a rúa se atopa en moi malas condicións. O investimento é de 241.370,80 euros.
Dado que a rúa da Gándara é parte do Camiño de Santiago, os traballos fanse cun seguimento arqueolóxico. As primeiras intervencións permitiron descubrir un pavimento, que segundo o arqueólogo municipal coas primeiras inspeccións, pode tratarse dun pavimento romano, pero aínda está por confirmar.
Unha vez que rematen todos os estudos arqueolóxicos, o pavimento volverá soterrase, e terá que darse unha solución distinta á obra neste punto. As tubaxes que van pola zona terán que subirse de cota para que non toquen o pavimento descuberto, que será tapado logo de traballos de consolidación e conservación.
Este descubrimento obriga a modificar o proxecto inicial que se encarecerá un pouco ao darlle unha solución distinta neste punto.
O concelleiro tamén quixo agradecer a colaboración dos veciños da Gándara na execución da obra, de feito, algúns cederon pequenos tramos de fincas para ampliar a rúa, e tamén agradece a paciencia de residentes e condutores dado que a obra está sendo condicionada polo mal tempo.