A webserie Clases de lo Social se feminiza

48

A próxima semana comeza a rodaxe da segunda temporada de “Clases de lo Social”, a webserie rodada durante o pasado ano en Pontevedra e que se ten convertido nunha referencia na Internet. No acto de presentación participaron a concelleira de Turismo, Carlota Román; o director e coguionista, Pablo Cacheda de Paz; a coguionista, Diana López Varela e a actriz Maika Braña.

Román lembrou que a primeira temporada acadou, en pouco máis de seis meses, máis de 26.000 visitas, xunto con máis de 1.300 seguidores nas redes sociais. Despois de ter recibido moi boas críticas e eloxios pola súa profesionalidade, o equipo crece ata as 25 persoas nesta segunda etapa.

A concelleira destacou que trátase do primeiro produto que mereceu o apoio da Pontevedra Film Commission e engadiu que o sector audiovisual e a cultura son unha aposta segura e unha peza importante da economía, polo que deberían contar cun maior apoio público. No Concello de Pontevedra, que non deixa de ser unha Administración local, facemos o que podemos, subliñou.

Pablo Cacheda adiantou que as Clases de lo Social feminízanse nesta nova andaina, atendendo así a unha petición que varias persoas fixeron chegar ao director. A protagonista feminina, Sabela Arán, gaña espazo na trama, xunto coas profesoras, como a que interpreta Mayka.

Diana López explicou que coñeceu a Pablo a través das redes sociais e, deseguida, decidiron colaborar no guión desta segunda temporada. Un traballo de catro meses que rematou cuns diálogos con moito humor.

Mayka Braña admitiu que, ata hai ben pouco, era escéptica coas web series, pero o futuro está aí, engadiu. Ademais deixou o vaticinio de que dentro dalgúns anos falarase das Clases de lo Social como unha das pioneiras das webseries e iso fará que Pontevedra tamén teña un papel referente.

A segunda temporada comezará a rodarse o próximo luns en diferentes localizacións e engadirá outros sete capítulos aos cinco que integraron a primeira entrega.