Volve a Aña Urbana

54

A praza do Teucro será o centro neurálxico da cuarta edición da Aña Urbana que organiza este sábado, 26 de abril, a Concellaría de Festas en colaboración coa Asociación Cultural Trepia. A concelleira Carme da Silva presentou esta mañá a programación xunto con representantes de Trepia que fixeron unha demostración no Concello.

A Aña é un conxunto de ritos e costumes que se desenvolven en torno aos traballos das labradas do mes de abril, especialmente nunha ampla zona da comarca de Mondariz-Paradanta.

Inda que existen diferenzas dependendo do lugar, existen uns trazos comúns: o traballo colectivo da terra unido aus cantares específicos para a ocasión, e a execución de ritmos tradicionais tocando en sachas e leghóns. Nalgúns lugares atopamos tamén o baile do ramo, no que un mozo saca a bailar ás mozas levando en alto un ramallo de loureiro que se adovía con panos, rosquillas, lazos,…

Esta será a cuarta edición da Aña Urbana, unha xornada de difusión deste ítem cultural en Pontevedra, na que grupos de distintas zonas amosan as súas interpretacións da aña, froito do análise e traballo grupal que desenvolven. A intención é chegar ao ambiente urbano esta tradición que até non hai moito tempo se viña celebrando nas zonas rurais moi cercanas; ao tempo que se ofrece unha oportunidade para o intercambio de opinións e coñecimentos sobre o tema por parte dos grupos participantes.

O programa deste sábado é o seguinte:

  • 11.00 horas. Apertura da feira de artesanía e comezo do roteiro de grupos por distintas prazas: 8 de marzo,  Peregrina, Verdura, Abastos e Curros Enríquez.
  • 17.30 horas. Obradoiro aberto (toques de leghón).
  • 18.00 horas. Apresentación dos "Cadernos da aña".
  • 19.00 horas. Actuación dos grupos participantes