O IES Luís Seoane gañou esta tarde a fase galega do Club de Debate que se desenvolveu durante toda a xornada en Ferrol. O segundo representante da cidade de Pontevedra nesta san competición entre institutos para fomentar a normalización do idioma a través do uso oral na mocidade, foi o IES Xunqueira 1 que resultou terceiro no debate. Cabe lembrar que o Luís Seoane e a Xunqueira 1 foron gañador e finalista, respectivamente, no Club de Debate de Pontevedra.
A xornada desenvolveuse nunha cordial competición entre oito institutos galegos. Ademais dos dous pontevedreses tamén participaban o IES Saturnino Montjo de Ferrol (segundo no debate), IES Plurilingüe de Ames, IES Parga Pondal de Carballo, IES Leixa de Ferrol, IES Nº 1 do Carballiño e IES M. Chamoso Lamas do Carballiño.
O tema do debate foi “Pódese vivir en galego”, e todos os participantes amosaron un elevado nivel dialéctico á hora de defender os seus posicionamentos, tanto a favor como en contra.
O xurado estivo formado por cinco persoas dos concellos participantes. Pontevedra propuxo a Mercedes Torres, lingüista especializada en galego e unha das profesoras que impartía cursos Celga pola Xunta; Daniel Romero Rodríguez, técnico de normalización lingüística do Concello de Fene; Adela Pita Permuy, técnica de normalización lingüística do Concello de Narón; Marta Marta Fernández Alberte, profesora de ensino secundario; María Mercedes Torres Hermida, profesora dos Celga e María Pilar López Suárez, tamén profesora dos Celga.
O Luís Seoane, gañador do Club de Debate gañou unha viaxe dunha fin de semana, para un máximo de 20 persoas, con contidos culturais que contribúan aos obxectivos deste proxecto.
Sete concellos nesta edición
O Club de Debate trátase dunha interesante iniciativa en que participan cada ano varios concellos. A presente edición está promovida polos concellos de Ames, Carballo O Carballiño, Pontevedra, Santiago de Compostela, Teo e Ferrol para o que asinaron un acordo o pasado 16 de xaneiro en Ferrol.
Este proxecto leva xa dúas edicións organizadas conxuntamente por varios concellos que, como noutras ocasións, asumen a responsabilidade que lle atribúe á Administración local o Plan xeral de normalización lingüística no seu cumprimento.
O Club de Debate diríxese a un dos sectores estratéxicos no proceso de normalización da nosa lingua, a mocidade, e faino co obxectivo xeral de impulsar o uso da lingua galega activando o uso oral do idioma en contextos formais (os propios debates) e informais (a convivencia entre os participantes durante todo o desenvolvemento da actividade).
Nas distintas fases locais da edición do curso 2013-2014 participaron 21 equipos de 16 centros de ensino, conformados por un total de 180 alumnos e alumnas dos distintos concellos. Cada equipo de traballo estivo coordinado por un ou dous preparadores que os asesoraron en aspectos como a procura de información, a disertación en público, a argumentación, etc.