Poxa para a adxudicación dos postos vacantes no mercado municipal da rúa de Frei Xoán de Navarrete

60

Os postos vacantes do mercado municipal da rúa de Frei Xoán de Navarrete sairán a poxa nas próximas semanas. A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe o expediente para a concesión destas instalacións que lle presentou a concelleira de Promoción Económica, Carlota Román.

A iniciativa engloba seis locais, aínda que, en realidade, cínguese a cinco espazos toda vez que dous deles están unidos. En concreto trátase dos locais 17 e 19 (15,51 metros cadrados), o 18 (11,17 metros cadrados), o 20 (17,30 metros cadrados), o 21 (10,23 metros cadrados) e, finalmente, o local número 22, con 12,23 metros cadrados. Todos eles están situados na galería do edificio de 41 vivendas, situada a carón da entrada principal do hospital Miguel Domínguez.

Os locais serán adxudicados ao mellor postor por un período concesional de 25 anos. Os licitadores deberán presentar ofertas que, como mínimo, cubran o importe das taxas fixadas no prego de condicións. Os locais 17 e 19 parten cunha taxa de 32.968,86 euros; local 18, 23.745,43 euros; local 20, 31.986,53 euros; local 21, 20.331,64 euros e local 22, 23.175,76 euros.

A Xunta de Goberno Local acordou tamén a apertura dun prazo de exposición pública do expediente no seu conxunto, incluído o citado prego de condicións, por período de 30 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio no último boletín que apareza (BOP e DOG), ao obxecto de que polos interesados se practiquen alegacións, se así o entenden oportuno. Simultaneamente, e no mesmo anuncio, abrirase o prazo para a licitación e presentación de ofertas polos interesados, por igual prazo. Advertirase expresamente de que, para o suposto de que se presentasen alegacións, o procedemento de licitación e os seus prazos quedarán en suspenso ata a resolución das mesmas. De non recibirse alegacións darase por aprobado definitivamente o expediente e prego de prescricións técnicas e cláusulas administrativas particulares que rexerán o procedemento.

Carlota Román destacou que trátase dun segundo paso na regularización administrativa dos Mercados Municipais. Lembrou que xa está a piques de rematar o proceso de adxudicación das vacantes na Praza de Abastos. E afirmou que, por primeira vez, o Concello pode asegurar que o grao de ocupación da instalación se corresponderá coa demanda social existente. Se quedan vacantes, engadiu, será porque non hai interese social ou empresarial en ocupalos.

A responsable municipal anticipou tamén que a Concellería de Promoción Económica convocará as vacantes das feiras ambulantes da Xunqueira e Estribela. Lamentou que a falta dun marco normativo galego teña atrasado o proceso e introduza incerteza á hora de establecer pautas para a necesaria actualización da Ordenanza municipal de venda ambulante.

Finalmente, Carlota Román subliñou que tentará chegar a acordos con outros departamentos municipais (dado que este asunto excede das súas competencias) para regularizar a actividade de venda de antigüidades, que se celebra nas mañás dos domingos na praza de Verdura.