Pontevedra vivirá durante a ponte do 1 de maio un fin de semana histórico de baloncesto

73

Unha fin de semana histórica de baloncesto en pleno centro da cidade servirá de introdución ao Campionato de España de Baloncesto Feminino Infantil que Pontevedra acollerá dentro de poucas semanas.

Chegan o Road Show da Copa do Mundo FIB, da man das Federacións Española e Galega de Baloncesto, e o Día do Baloncesto que organiza o club Arxil para completar unha fin de semana irrepetible entre o sábado, día 3, e o luns, día 5. A programación foi presentada hoxe polo impulsor desta iniciativa: o concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, acompañado do presidente da Federación Galega de Baloncesto, Francisco Martín Micó, e a presidenta do club local, Marita Janeiro.

No acto participou a práctica totalidade da directiva da FGB, pois asistiron tamén Susana Fernández, secretaria xeral; Carlos Colinas, director da área deportiva; Miguel Ángel Pérez, director técnico do comité arbitral e José Luis Renda, delegado zonal.

O concelleiro de Deportes, que cualificou estes tres días de baloncesto, como unha oferta insuperable na cidade de Pontevedra, destacou o acerto de solapar actividades para completar un completo abano ao longo da ponte festiva do 1 de maio. Todos os amantes da canastra farían moi ben en pasarse por Pontevedra, porque a praza de España e a avenida de Montero Ríos van ferver de actividade, subliñou.

O Road Show chega tamén co aliciente da presencia do embaixador da FEB, Fernando Romay, quen estará na cidade participando na iniciativa. A montaxe estará instalada na praza de España e consistirá nunha cancha de basket e a chegada do camión-museo itinerante da Copa do Mundo.

Despois de visitar máis de 40 cidades ao longo do pasado ano, o Road Show da Copa do Mundo pasa por Pontevedra quecendo motores antes de iniciar o seu periplo internacional, que arrancará en Milán o próximo 15 de maio. Galicia non recibía esta oferta dende o ano 2012.

Fernando Romay anticipou a súa intención de participar en todas actividades, que inclúen diversos partidos (entre eles un par deles reservados a xornalistas locais), así como os dous clinics que se celebrarán nas xornadas de sábado e domingo en horario de 13.00 a 14.00 horas. Haberá tamén horario aberto ao público interesado en gozar desta instalación.

No interior do camión do Road Show os afeccionados poderán descubrir auténticos tesouros da historia do baloncesto, como o libro de normas de James Naismith, material usado por lendas deste deporte como Dikembe Mutombo e unha gran cantidade de xogos interactivos.

O luns, día 5, última xornada do espectáculo, celébrase o Día do Baloncesto, baixo a organización do club Arxil, que montará o seu tradicional torneo 3×3 na avenida de Montero Ríos, cun total de 32 pistas de xogo.

Agárdase a participación duns 1.000 escolares xunto a 80 profesores e 50 voluntarios. O torneo comezará ás 9.45 horas e rematará en torno ás 13.15 horas.

Como é habitual os encontros desenvolveranse sen marcador e os rapaces terán unha magnífica ocasión de pasalo ben co seu deporte favorito. Non haberá, por tanto, nin clasificación nin gañadores.

Durante todo este tempo seguirá aberto o camión do Road Show e os rapaces terán tamén a ocasión de compartir experiencias con Fernando Romay, quen non quixo perderse esta cita co deporte escola, e anticipou a súa disposición a asinar autógrafos ou compartir fotografías.

 

PROGRAMA COMPLETO DO ROAD SHOW

 

Venres, 2

14.30 horas: Chegada dos camións e comezo da montaxe.

Sábado, 3

10.30 horas: Acceso libre.

12.30 horas: Partido xornalistas.

13.00 horas: Partido xornalistas.

13.00 hora: Clinic de tiros Vodafone con Fernando Romay.

14.30 horas: Acceso libre.

17.30 horas: Partidos mixtos Arxil-Estudiantes.

18.30 horas: Partido senior Arxil-Estudiantes.

20.00 horas: Peche.

Domingo, 4

10.30 horas: Acceso libre.

12.00 horas: Partido Hall of Fame

13.00 horas: Clinic de tiros Sanitas con Fernando Romay.

14.00 horas: Charla sobre nutrición a cargo dun especialista.

14.30 horas: Acceso libre.

17.30 horas: Concurso de tiros two balls.

18.30 horas: Acceso libre.

20.00 horas: Peche.

Luns, 5

10.00 horas: 3×3 Baloncesto na avenida de Montero Ríos.

Sinatura de autógrafos de Fernando Romay.

13.00 horas: Peche e desmontaxe.

 

SINATURA DO CONVENIO COA FEDERACIÓN GALEGA DE BALONCESTO

 

Por outra banda, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o presidente da Federación Galega de Baloncesto, Francisco Martín Micó, asinaron o convenio para a celebración do Campionato de España Infantil Feminino, que se celebrará entre o 15 e o 21 de xuño próximos. No acto participaron tamén o concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, e o delegado zonal da FEB, José Luis Renda.

O concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, destacou que a competición esixe unha gran capacidade organizativa porque se celebra en tres instalacións diferentes: o Pavillón Municipal (que será sede única na fase final) e os pavillóns universitario e do Centro Galego de Tecnificación Deportiva). Participarán un total de 32 equipos de toda España e agárdase a presencia de case 500 xogadoras.

O edil recalcou a importancia dun evento que atraerá á cidade ata unhas 2.000 persoas (entre xogadoras, corpos técnicos, federativos, árbitros e familiares) pasen por Pontevedra durante a semana en que se celebran os partidos.

O ambiente de baloncesto comeza a respirarse xa durante esta ponte festiva do 1 de maio, pois a praza de España acollerá o Road Show da Federación Española e farase coincidir co Día do Baloncesto, o tradicional torneo escolar de 3×3 que organiza o Arxil na avenida de Montero Ríos.

Francisco Martín agradeceu ao alcalde e ao concelleiro a aposta por traer esta competición a Pontevedra e felicitou a todo o equipo municipal pola intensa programación deportiva que se desenvolve na cidade.

Miguel Anxo Fernández Lores puxo o acento nesta cuestión e recalcou que os eventos deportivos están a xogar un papel crucial para a economía local. Ao mesmo tempo subliñou o acerto de optar por un campionato en idade infantil, porque incentiva a chegada dun turismo de tipo familiar.