A carreira da lingua chega mañá a Pontevedra da man de 1.200 escolares

40

O Correlingua comeza o vindeiro luns 5 de maio en Pontevedra, este ano baixo o lema “Galego, o paso adiante”. Mil douscentos escolares da comarca participarán na primeira etapa do Correlingua en dous percorridos.
No de infantil participarán os centros: CEP Marcos da Portela, CEE Príncipe Felipe, CEIP San Martiño, CEIP Parada-Campañó, CEIP Santo André de Xeve, CEIP A Xunqueira I, CEIP Xunqueira 2, CEIP Manuel Vidal Portela, CEIP Enrique Barreiro (Cambados), CEIP Espedregada (Poio), CEIP Plurilingüe de Chancelas (Poio) e CEIP Isidora Riestra (Poio).
No de primaria e secundaria participarán: CEIP San Martiño, CEIP Parada Campañó, CEIP Santo André de Xeve, CEIP A Xunqueira I, CEIP Xunqueira 2, CEIP Manuel Vidal Portela, CEIP Enrique Barreiro (Cambados), CEIP Espedregada (Poio), CEIP Plurilingüe de Chancelas (Poio),  CEIP Isidora Riestra (Poio), IES de Ponte Caldelas, IES de Poio e IES As Bizocas (O Grove).
O programa de actos do Correlingua en Pontevedra é o seguinte:
Ás 10.30 h chegarán dos centros participantes á praza da Ferraría, onde serán recibidos por animación con música e un dragón cuspe-auga. A organización daralles a benvida e, ás 10.45 h comezará a carreira cos nenos e nenas de educación infantil, nun percorrido adaptado á súa idade, que sairá da praza da Ferraría e percorrerá a rúa San Román, rúa Sarmiento, praza de Méndez Nuñez, rúa Isabel II, praza das Cinco Rúas, rúa Paio Gómez Chariño, rúa da Bastida, rúa Michelena, Porta de Trabancas, para rematar na praza da Ferraría.
Ás 10.55 h sairán da praza da Ferraría os alumnos de primaria, ESO e bacharelato. Percorrerán a rúa San Román, rúa Padre Sarmiento, rúa Gregorio Fernández, praza da Pedreira, rúa Serra, rúa San Xulián, praza de Méndez Nuñez, rúa de Don Gonzalo, praza de Curros Enríquez, rúa Real, rúa da Ponte, rúa San Nicolás, praza das Cinco Rúas, rúa Paio Gómez Chariño, rúa da Bastida, rúa Michelena, Porta de Trabancas e rematarán volvendo á praza da Ferraría.
Ás 11.20 horas comezará a festa final, presentada por Isabel Risco:
• lectura do Manifesto
• actuación do grupo gañador do Cantalingua: Superoito
• saúdo de Demetrio Gómez, concelleiro de NL do Concello de Pontevedra
• entrega de agasallos
• solta de globos

  En caso de chuvia, o Correlingua trasladarase ao recinto feiral.
  O Correlingua é a denominación dunha serie de carreiras a prol do idioma, convocadas en toda Galiza para convidar á mocidade e aos centros de ensino a participar nun acto público de reivindicación do uso do noso idioma para garantir o seu futuro. A actividade  está organizada pola AS-PG, CIG-Ensino, A Mesa, os ENDL dos centros de ensino de Pontevedra e o Concello de Pontevedra.
  O Correlingua leva meses en marcha.  Ademais das carreiras de maio ofrécelles aos centros de ensino a posibilidade de participar en varios concursos: de banda deseñada, creación dun manifesto, vídeo e o musical, chamado Cantalingua, que gañou o grupo Superoito. Este grupo tocará en todas as festas do Correlingua deste ano.
O Correlingua seguirá a súa andaina por diferentes vilas ao longo de 13 etapas no mes de maio: en Pontevedra (luns día 5), Santiago de Compostela (martes día 6), Lugo (mércores día 7), Ferrol e Monforte (xoves día 8), Vigo (venres día 9), Tui, o Baixo Miño e A Estrada (luns día 12); O Morrazo (martes día 13), Ourense (mércores día 14), Coruña (xoves día 15) e Foz (venres 16).
Pódese facer un seguimento do Correlingua no web: http://www.correlingua.org/