Máis de 20 persoas solicitaron o chipeado de 24 cans na campaña Yes, we can

58

A Concellaría de Sanidade Animal mantén aberto o prazo de inscrición na campaña de chipeado de cans até o vindeiro 15 de maio. Até o de agora 22 persoas solicitaron o chipeado para 24 cans, pero a Concellaría oferta a posibilidade a todas as persoas que o desexen a solicitalo a través do teléfono municipal 986 80 43 00 extensión 7584.
Cabe lembrar que esta campaña está dentro da programación “Yes, we can” que pon en marcha a Concellaría de Sanidade Animal xunto as entidades Palleiros, Difusión Felina e Adopcións Galicia, que pretende ir solucionando o principal problema que ten o mundo dos cans, que son os abandonos.
A Concellaría en colaboración con distintas clínicas veterinarias da cidade ofrecen por 25 euros a posibilidade chipear aqueles cans que aínda non estean. Este chip permitirá reducir abandonos e localizar aos donos dos cans perdidos. Segundo os datos ofrecidos polo concelleiro delegado, Miguel Filgueira, o número de abandonos rexistrados pola Asociación Palleiros foi máis de 350 en todo o ano.
A concellaría continuará no mes de xuño cunha xornada de adestramento (aínda por concretar) que se desenvolverá cunha parte teórica pola mañá e unhas xornadas prácticas pola tarde (con grupos reducidos) a cargo dun adestrador de cans. Tamén no mes de xuño, pero os domingos de mañá, faranse rutas por espazos naturais guiadas por un adestrador co propósito de dar unhas nocións de como se debe actuar cun can nun medio natural.
E co refuxo de cans rematado, e a partir do mes de setembro, Yes we can chegará aos centros de ensino iniciando unha campaña de sensibilización entre os escolares que poderán visitar o refuxo de animais e facer actividades nel, en colaboración coa Asociación Palleiros.