Un roteiro pola Moureira para lembra “A memoria das mulleres”

48

No marco do proxecto municipal “A memoria das mulleres”, o sábado 10 de maio terá lugar un roteiro polos traballos e oficios das mulleres do antigo barrio mariñeiro da Moureira. O percorrido está conducido por Olga Conde e contará coa colaboración de alumnas do CIFP Carlos Oroza. A actividade dará comezo ás 11 horas no antigo lavadoiro do Peilán (na rúa Pelamios, fronte ao hotel Da Barca) e para participar é preciso inscribirse enviando os datos persoais (nome e apelidos e teléfono) ao correo electrónico patrimoniocultural@pontevedra.eu
A memoria das mulleres da Moureira
A Moureira, situada na beira do río Lérez, nace extramuros como arrabalde da cidade amurallada. O florecente barrio mariñeiro foi motor económico da vila durante varios séculos, tendo nos diversos oficios das súas mulleres unha achega indispensable. Baseado nalgunha das súas historias en primeira persoa, o roteiro pon en valor o traballo feminino, recollendo a memoria viva das súas mulleres: as lavandeiras, as lañadoras, as descargadoras de sal, as atadeiras ou as vendedoras da praza.
Percorrido do roteiro: Moureira de abaixo ou de San Roque
Zona máis habitada, dedicada principalmente á pesca e a diferentes oficios relacionados coa actividade, como lañar o peixe ou o arranxo de redes, con peiraos individuais e carpintaría de ribeira.
1. O lavadoiro de Peilán:
− As lavandeiras
− Imaxes do vello lavadoiro do Gafos
− Os muiños

2. O peirao das Corvaceiras:
− As imaxes de Ruth Matilda Anderson (TheHispanic Society of America)
− As atadeiras da Moureira. Victoria, a Marajota, a última atadeira viva.
− Lugar de desembarco do sal, do peixe e diversas mercadorías.
− A Punta do Morro: onde se secaban as redes despois de encascalas e tamén lugar para o atado dos panos para armar as redes.

3. Restos de etnografía mariñeira
− Rúa Irmáns Nodales
− Proceso do encascado das redes.

4. As escaleiras de Carrascal:
− O topónimo Moureira.
− Descarga do sal: "Mansita", a última descargadora viva.
− Os almacéns de sal: restauración do antigo alfolí e oficinas de Carrascal.

5. O Campo da Torre:
− Lavado do peixe (para lañar e salgar ou secar)
− As lañadoras de peixe (principalmente a sardiña).
− Josefa Barcia: lañado, salga (Nucha, a que máis salgaba) e secado de peixe.

Moureira de Arriba
Zona onde se situaba a igrexa, os estaleiros e os peiraos
6. A Casa das tres columnas:
− A prostitución: libro "As tres columnas" de Sabino Torres.
− Área ocupada polos bordeis e bares.
− Arquitectura típica dun Bordel da Moureira.

7. Vivendas mariñeiras:
− Arquitectura: soportais, patíns …
− O traballo doméstico: o transporte da auga, o coidado da horta…

8. A Praza do Peirao:
− Topónimo
− Orixe do barrio: a pesca na Ponte do Burgo.
− Significado da Moureira para a vila de Pontevedra no pasado.
− Traballo das mulleres

9. A praza de abastos.
− Vendedoras na praza: Ramona Domínguez e Josefa Barcia
− O marisco de Ons: a relación entre Ons e A Moureira. Ramona Domínguez e a descarga do marisco das dornas
− A subastadora: Enriqueta de Raque.