A Concellería de Deportes lembra que o próximo día 12 remata o prazo para solicitar as subvencións do IMD

71

Os clubs deportivos de Pontevedra dispoñen ata o próximo luns, día 12, incluído, para presentar as solicitudes de subvencións ao Instituto Municipal dos Deportes para este ano. A convocatoria, repartida en tres liñas de apoio, totaliza 470.000 euros.

O concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, pide aos clubs que non deixen o trámite para última hora e que teñan moi presente que o remate do prazo se aproxima. As bases da convocatoria poden descargarse no blog do IMD ou consultarse no Boletín Oficial da Provincia do pasado 22 de abril. Tamén está dispoñible no sitio web municipal o formulario de solicitude.

Como xa explicou o concelleiro, o seu departamento convoca agora as axudas a principios de ano coa intención de pagalas dentro da mesma anualidade, introducindo ademais significativas novidades en canto ao pago anticipado. A temporalidade das actividades subvencionables vai do 1 de novembro de 2013 ao 30 de outubro de 2014, co obxectivo de superar a diverxencia entre as temporadas deportivas e os exercizos contables das Administracións públicas.

A primeira liña de subvencións apoia o deporte federado porque está dirixida a facilitar a participación en competicións oficiais da temporada 2013/2014. Está dotada cunha partida de 291.000 euros.

A segunda liña subvenciona a organización e desenvolvemento de actividades deportivas ordinarias ao longo desta anualidade. Está desglosada en competicións deportivas (no recollidas na primeira liña) e actividades puntuais de promoción deportiva. A dotación global é de 60.500 euros.

A terceira liña apoia as Escolas Deportivas Municipais, cunha dotación total de 119.500 euros. Está, á súa vez, subdividida no Programa de iniciación deportiva para nenos e nenas en idade escolar, o Programa de centros escolares das parroquias (iniciación deportiva) e, finalmente, o Programa para grupos especiais (persoas con discapacidade, terceira idade, etcétera).

En canto á xestión administrativa das axudas, a convocatoria deste ano chega tamén con importantes novidades, concibidas para axilizar os pagos e facilitar os trámites aos clubs.

Os beneficiarios da liña de subvención anual á actividade federada poderá percibirse un anticipo dun 30%, con xustificación “a posteriori”. O importe restante irase pagando a conta, factura a factura, o que tamén suporá un adianto considerable, pois ata o de agora non se libraba a subvención ata a xustificación da totalidade.