Pontevedra prepárase para acoller aos 1.415 deportistas que participarán no Campionato do Mundo de Duatlón

43

O Mundial de Duatlón, que Pontevedra acolle entre o 31 de maio e o 1 de xuño, acollerá a un total de 1.415 deportistas procedentes de máis de 30 países e dos cinco continentes. Unha vez pechado o prazo de inscrición, o concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, constatou que se superaron todas as previsións e que se confirma que o Mundial pontevedrés será o máis concorrido de cantos se teñen celebrado.

Fernández, xunto co equipo do Instituto Municipal de Deportes, está a coordinar todos os detalles coas federacións galega e española de Triatlón, que colaboran activamente na organización do que será o principal evento deportivo de Galicia neste ano 2014. Este venres pecharanse os últimos detalles coa supervisión técnica dos circuítos de carreira a pé e bicicleta, xunto coa zona de transición do Centro Galego de Tecnificación Deportiva.

O concelleiro subliñou que o reto que supón organizar un Campionato estruturado en 12 competicións distintas increméntase diante deste volume de participación, que mesmo supera a previsión das 1.200 persoas coa que se traballaba ata o de agora. O Mundial comezará o sábado ás 9 horas e rematará o domingo, pasadas as 16.30 horas. O sábado tomarán a saída os participantes nas categorías Junior mulleres, Junior homes, Paratriatlón, Élite mulleres, Sub23 Mulleres, Élite homes e Sub23 homes, mentres que o domingo será a quenda dos Grupos de Idade , o Open PontealDu, o relevo junior e o relevo de élite.

A maior participación rexistrada ata o de agora nun Mundial correspondía a Xixón, que acolleuno en 2011, con 1.135 participantes, mentres que o ano pasado en Otawa (grupos de idade) e Cali (élite) sumaron 976 deportistas.

Ao analizar os datos de inscrición compróbase que entre 1.100 e 1.200 deportistas corresponden a Grupos de Idade, mentres que o resto está integrado polos atletas de Elite que competirán nas distintas categorías.

A Pontevedra chegarán 349 ingleses, unha cifra que mesmo supera a dos 337 españois. O terceiro país en representación serán os Estados Unidos con 269 duatletas. Destaca tamén a participación de 83 canadienses, 39 australianos, 50 franceses e 35 sudafricanos. Pola cidade pasarán atletas de Armenia, Austria, Australia, Bélxica, Brasil, Canadá, Croacia, Chequia, Dinamarca, España, Finlandia, Francia, Gran Bretaña, Alemaña, Grecia, Irlanda, Italia, Xapón, Luxemburgo, México, Holanda, Nova Zelanda, Polonia, Portugal, Sudáfrica, Rusia, Suiza, Suecia, Trinidade e Tobago, Ucrania, Estados Unidos e Venezuela.

No elenco de inscritos figuran o exatleta da Sociedade Gimnástica de Pontevedra, Emilio Martín (campión do Mundo 2012 e prata en 2013); o actual campión, o belga Rob Woestenborghs; o francés Benoit Nicolas (bronce 2011 e bronce 2013) e está xa confirmada a inscrición de Javier Gómez Noya (campión do mundo de Triatlón). En mulleres destaca a francesa Sandra Levénez (varias veces medallista mundial, e prata en Cali). Entre os galegos cómpre destacar a presenza de Melina Alonso (bronce júnior en Xixón) e do junior vigués Antonio Serrat (sétimo no Campionato de Europa de Triatlón e subcampión de España de duatlón).

O concelleiro de Deportes subliñou que esta semana abriu o prazo de inscrición para a proba Open, ou sexa o Duatlón Popular PontealDu. O prazo, cun prezo de inscrición de 40 euros, está aberto ata o día 23 deste mes. Hai que tramitala a través da Federación Galega de Triatlón. Agárdase chegar a uns 200 participantes, pero a cifra final está por determinarse. O PontealDu celébrase na xornada do domingo, 1 de xuño, xunto coas probas dos Grupos de Idade, o que obriga a unha correcta organización da zona de transición.

Agustín Fernández deu tamén conta do proceso de incorporación de voluntarios para colaborar no desenvolvemento das probas. Un total de 484 persoas formarán o operativo. Nos próximos días comezará a formación de urxencia para os voluntarios en cuestións sanitarias, Inglés e información turística.

O Mundial pechará cunha gran festa na explanada superior do Recinto Feiral e un concerto da Orquestra Panorama. Comezará ás 22 horas e concluirá as 00.30 horas do domingo. O acceso é libre.