Comunidades de montes, empresarios, particulares… podarán presentar ofertas para situar a planta de compostaxe

58

O Concello de Pontevedra e a Deputación provincial asinarán este venres o protocolo de colaboración para a construcción da planta de compostaxe. Así o anunciou hoxe o concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera quen adiantou que no protocolo figurará un prazo de dous meses, que se publicará no BOP, para que todos os interesados en presentar terreos para este proxecto o poidan facer, xa sexan comunidades de montes, empresas, particulares,…

César Mosquera explicou que a planta pode estar en terreo industrial, en solo rústico con protección ordinaria ou con protección forestal, coa nova lei do Solo. Non fai falla máis autorización que a licenza directa do Concello, e non precisa máis trámite ambiental que a corrección de efectos ambientais.

Segundo as estimacións iniciais e a falta dun estudo de viabilidade, serán precisos entre 25.000 e 30.000 metros cadrados. Buscarase que trate arredor de 100.000 toneladas de residuos orgánicos ao ano (cun máximo de 150.000 toneladas) que suporá unha producción de 30.000 toneladas de compost que servirán para o abono dos montes.