O Concello mellora o parque situado entre Filgueira Valverde e a Poza dos Canos

78

A Concellaría de Medio Ambiente acometeu nestas semanas a mellora dunha nova zona verde da cidade no barrio de Eduardo Pondal. Trátase do espazo situado entre as rúas Profesor Filgueira Valverde e Poza dos Canos, na unidade de actuación número 18, comprendida entre as rúas Joaquín Costa, Doce de Novembro e Eduardo Pondal.
Este espazo recibiu un tratamento de zona verde simple (con céspede) ao ser recibida polo Concello, pero agora o servizo de Parques acometeu unha primeira fase de obras que melloran o espazo dende o punto de vista paisaxístico e tamén para a estancia dos veciños.
Os traballos comezaron coa eliminación de entullos de obra que había na zona, e co fresado de todo o terreo para acondicionar a parcela. Logo instalouse unha malla previa á plantación.
A continuación creáronse catro franxas de arborado coa plantación de Liquidambars e Gleditsia triacanthos, co obxectivo de que dean sombra no verán e para que as estancias no parque sexan máis agradables. Ademais, o colorido destas especies nas distintas estacións do ano permitirá mellorar substancialmente a estética do parque.
Nos alcorques e nas liñas de unión do arborado plantáronse especies tapizantes como hedra ou liriope. Son plantas rústicas que requiren un baixo mantemento, pero dan un cor verde intenso ao espazo. A creación destes espazos arborados rematouse coa instalación de céspede entre as árbores.
A obra dispón de rego por aspersión e concluíu coa plantación de setos de loureiro para tratar de frear o impacto estético da traseira do edificio da rúa Joaquín Costa, que ten un forte impacto visual no parque.
A segunda fase da obra, en cuxo proxecto xa traballa o Concello, consistirá nunha actuación de mellora do xardín central do parque.
Estes traballos foron dirixidos polo servizo de Parques e realizados como traballadores do Plan de Cooperación procedentes do Inem, ao que todos os anos se acolle o Concello de Pontevedra.