O barrio de San Antoniño e a segunda fase de Blanco Porto, focalizan o Plan de Obras 2014 da Concellería de Urbanismo

51

Os proxectos técnicos da reforma integral das rúas de Blanco Porto (segunda fase), Gerardo Álvarez Limeses e Víctor Cervera Mercadillo (as dúas últimas no barrio de San Antoniño) están rematados e listos para entrar no servizo municipal de Contratación e comezar así o procedemento administrativo de cara á súa licitación.

O tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo e Obras Urbanas, Antón Louro, presentou hoxe uns proxectos que responden ás peticións realizadas polos veciños e, en palabras do responsable municipal, pretenden ser o inicio dun tratamento a fondo do barrio de San Antoniño.

O investimento total será de 519.000 euros e o prazo de execución será de catro meses, agás o caso de Álvarez Limeses que, pola súa maior lonxitude, chega aos cinco meses. A intención é que todas as obras estean rematadas antes de finais deste ano.

As actuacións súmanse ás que xa están en marcha nas rúas de Santa Clara e avenida de Lugo, que se aproximan xa á súa recta final.

Louro anticipou a intención do seu departamento de acometer novas obras (xa con dotacións adicionais para o caso de que haxa remanentes de tesourería), na praza da rúa Grecia (Monte Porreiro) e rúa do Forno (Campolongo) e adiantou que ten a vista posta tamén na rúa de Amado Carballo e mesmo o tramo de Loureiro Crespo situado fronte ao Hospital Provincial (só no caso de que o proxecto transcenda da superficie e inclúa, finalmente, renovación integral de servizos).

En canto ás tres obras que inician o procedemento de licitación, o tenente de alcalde recalcou que son “de pura necesidade” ao situarse en zonas moi residenciais e con evidente degradación. Lembrou que en gran parte do barrio de San Antoniño hai beirarrúas moi estreitas e deterioradas, pero tamén cun alto número de accesos a garaxes veciñais.

Na rúa de Blanco Porto o orzamento de licitación ascenderá a 156.600 euros. Prazo de execución: 4 meses. Execútase o tramo pendente, duns 70 metros de lonxitude, entre o cruzamento de Cruz Gallástegui ata o encontro coa rúa de Joaquín Costa, cun tratamento idéntico ao dado ao primeiro tramo. Mantéñense entre 7 e 8 prazas de aparcamento no sentido dereito de circulación.

Víctor Cervera Mercadillo será licitada cun orzamento de partida de 134.000 euros. Prazo de execución: 4 meses. Cunha lonxitude total 95 metros, o seu trazado en pendente une Loureiro Crespo e San Antoniño. A medio camiño entronca coa rúa de Gerardo Álvarez Limeses.

Louro destacou que trátase dunha rúa moi estreita (entre 8 e 9 metros, segundo as zonas), o que limita moito as posibilidades de actuación. O deseño inclúe dúas beirarrúas cun mínimo de 2,50 metros de anchura e carril de circulación de 3,50 metros. Non é posible incluír banda de aparcamento.

A parte de arriba da rúa (dende o cruce con Álvarez Limeses a Loureiro Crespo) queda con beirarrúa e pavimento ao mesmo nivel (carril de circulación en formigón negro e baldosa grisácea para os peóns). A parte inferior (dende Álvarez Limeses ata San Antoniño) terá o carril de circulación asfaltado e as beirarrúas en ton laranxa con bordos de lastro gris.

Finalmente, a rúa de Gerardo Álvarez Limeses será licitada cun orzamento de 227.000 euros. Prazo de execución: 5 meses. Trátase da actuación máis ampla, pois alcanza os 150 metros de lonxitude. Ademais a anchura é moi irregular debido ás diferencias nas aliñacións nun conxunto de edificios. O proxecto baséase na ampliación das beirarrúas a ancho mínimo de 2,50 metros en todo o trazado e mantemento dun carril de circulación de 3,50 metros. O tratamento é idéntico á parte inferior de Cervera Mercadillo.

A singularidade está na maximización do parque de aparcamento, que chega ata as 24 prazas. No primeiro sector da rúa (o máis próximo a Casimiro Gómez) haberá aparcamento en batería nun lado e aparcamento en cordón no outro. No segundo sector (entre Gonzalo Gallas e Víctor Cervera) xa cun ancho de rúa convencional introdúcese un cordón de estacionamento ao lado dereito.

Antón Louro subliñou que todas as obras inclúen renovación total dos servizos soterrados (especialmente auga, pluviais e saneamento) e melloran tamén a rede de iluminación pública, que é moderna, pero precisa de adaptación aos criterios urbanos. Así as actuais luminarias led, que están instaladas directamente sobre as fachadas, pasarán a estar soportadas por báculos no bordo das beirarrúas.