O CITA exhibe as súas xoias na rúa, con motivo do Día dos museos

59

A Concellaría de Patrimonio Histórico organizou unha programación de actividades diferentes e novidosas para celebrar o Día dos museos, que será este domingo, 18 de maio. Unha destas actividades é sacar á rúa elementos do Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA) para que os coñezan aquelas persoas que aínda non se achegaron até o CITA.
Esta mañá o concelleiro Luís Bará presentou a programación do Día dos museos xunto á réplica do antigo castelo arcebispal de Pontevedra, situado onde hoxe se levanta a praza de Santa María e o CITA. Esta maqueta está permanentemente no CITA así que hoxe levantou moita expectación cando se instalou diante da porta de entrada do Concello, na rúa Michelena 30.
Segundo anunciou Luís Bará, mañá está previsto que se saquen á rúa distintos elementos de cerámica e moedas atopadas na escavación do CITA e que agora repousan no centro, para que os cidadáns os poidan ver. Estarán situados nas proximidades do propio CITA.
Entre as actividades do Día dos Museos está prevista a visita de centros escolares ao CITA. Entre hoxe e mañá está prevista a presenza duns 400 rapaces de distintos colexios do municipio que coñecerán o xacemento. Mañá venres, está prevista a visita de 150 alumnos do Vidal Portela (de 11 a 14 horas) e ás 16.00 horas a Asociación Amizade.
O Día dos museos, o domingo, 18 de maio, está prevista unha xornada de portas abertas para todos os interesados en coñecer estas instalacións museísticas. Para participar nas visitas organizadas deberase inscribir chamano ao teléfono 986 090 677. Entre as 19 e as 20 horas haberá a actuación de danza do grupo “Maldita danza” que porá en escea pasen e vexan.
Tamén está organizada unha visita nocturna, a partir das 22.00 horas do sábado, 17 de maio, ás Torres Arcebispais, muralla medieval e espazo arqueolóxico de Santa María. Será preciso inscrición previa no mesmo teléfono.