Os veciños de Marcón coñecen dende hoxe a toponimia da parroquia para facer suxesións

69

 A Casa da Cultura de Marcón acolle dende esta tarde a exposición de toponimia da parroquia de Marcón que recolle preto de 2.000 topónimos rexistrados durante case dous anos de traballo. A exposición poderase visitar até o 19 de xuño en horario de 17.00 a 21.00 horas, de luns a xoves.     
A exposición está composta por nove mapas a cor, en formato grande (1 metro x1 metro e medio) nos que se pode ver a toponimia recollida en Marcón marcada sobre ortofotos: nomes de lugares, ríos, fontes, veigas, montes, aldeas, camiños, pontes, lavadoiros…
O obxectivo da exposición é amosar a toponimia recollida para que a xente de Marcón poida realizar suxestións, emendas ou achegar nova información á xa recollida. Para iso, na exposición haberá unhas follas de suxestións e unha caixa para depositalas. Tamén se poderán entregar directamente no Servizo de Normalización Lingüística do Concello.  
Con esta exposición de mapas ábrese a fase de revisión de datos do proxecto Chamámonos así que comezou en distintas parroquias do rural no verán de 2012, coas entrevistas a informantes e a recollida en campo dos topónimos.  
Na recollida de Marcón participaron máis de 100 persoas da parroquia e recolléronse preto de 2.000 topónimos. A técnica de campo que traballou na parroquia foi María Dolores Ferro.
Chamámonos así
Os nosos antepasados puxeron moito esforzo e vontade en querer nomear cada anaco de terra. Agora, a transformación demográfica e a progresiva desaparición dos modos de vida tradicionais ameazan gravemente a conservación deste riquísimo patrimonio.   Co obxectivo de recuperar para recoller, investigar, coñecer, catalogar, difundir e utilizar a toponimia do territorio que ocupamos, o Concello de Pontevedra, a través de concellería de Normalización Lingüística, puxo en marcha o proxecto ‘Chamámonos así’. 
Trátase dun plan que buscar facer un inventario da toponimia do municipio para volver poñela en valor e devolverlle a súa razón de ser: nomear e identificar o noso territorio. O proxecto xa ten completos os mapas de seis parroquias: Marcón, Mourente, Xeve, Santa María de Xeve, Tomeza e Verducido.
Actualmente estanse a rematar os traballos de campo no resto das parroquias e nos vindeiros meses darase a coñecer o traballo completo.   Neste laborioso proxecto participaron sete técnicos de campo que percorreron desde o ano 2012 aldeas, camiños, montes e leiras para recompilar todos os chamadeiros de Pontevedra.
Non foi un traballo doado. Foron horas de traballo, de camiñar, de situar en planos, de desesperarse porque quedaban áreas nas que parecía que non ían aparecer todos os nomes… Despois veu o traballo ‘de oficina’, anotar as peculiaridades de cada nome na base de datos e xeorreferenciar todos os datos nun sistema universal. Para iso empregáronse arquivos kml de Google Earth que se poden trasladar a outras extensións utilizables por profesionais de diferentes ámbitos (topografía, enxeñaría, arquitectura…).  
Para algúns técnicos de campo o máis complicado foi conseguir bos informantes, para outros o difícil foron os lindes dos montes. Ás veces, o peor foi conseguir a confianza da xente. O temor a unha medida fiscalizadora era unha barreira coa que topaban en diversas ocasións, pero unha vez establecida, a confianza foi un punto clave. De feito, todos os técnicos de campo coinciden no gratificante que foi o trato coa xente.
Todas estas impresións, historias que lles contaban os veciños, anécdotas,… están recollidas no blogue de Chamámonos así ( www.pontevedra.eu/toponimia/ )  
Todo o traballo de campo está recollido no web www.pontevedra.eu/snl/datostoponimia/
Esta aplicación permite buscar topónimos na base de datos, pescudando por parroquia, lugar, topónimo ou tipoloxía e ofrece diversa información sobre o chamadoiro.
Actualmente, esta base de datos conta con máis de 7.000 topónimos organizados en fichas individuais, situados sobre mapas e xeorreferenciados para poder exportalos a outras aplicacións (LocalSix).  
O Concello de Pontevedra vai levar a cada parroquia os mapas da súa toponimia para que os veciños coñezan de primeira man o traballo que se fixo e poidan ampliar a información e emendar os posibles erros.
Así, os primeiros mapas estarán ao longo dos meses de maio e xuño en seis parroquias para seren revisados:  
• Na Casa da Cultura de Marcón estará do 19 de maio ao 19 de xuño en horario de 17.00 a 21.00 horas de luns a xoves.  
• No antigo colexio de Lusquiños, en Tomeza, estará do 20 de maio ao 20 de xuño e poderá visitarse entre as 17.00 e as 21.00 horas de luns a venres e de 10.00 a 13.00 horas os sábados.  
• O local da Sociedade Cultural de Mourente acollerá os mapas do 21 de maio ao 21 de xuño e poderán verse todos os días de 17.00 a 21.00 horas.  
• Entre o 27 de maio e o 27 de xuño os mapas poderán verse no Centro Cultural de Santa María de Xeve, no Teleclube de Santo André de Xeve e na Casa do Pobo de Verducido. En Santa María de Xeve, o horario de visita é de 8.30 a 13.00 horas de luns a venres; de 17.00 a 21.30 horas os luns e os mércores; de 20.30 a 21.30 os xoves; de 20.00 a 21.00 horas os venres e de 20.30 a 23.00 horas o sábado.   En Xeve estará aberta de luns a venres de 19.00 a 21.00 horas; e os sábados e domingos entre as 11.00 e as 14.00 e de 18.00 a 21.00 horas.  
• En Verducido o horario de visita é de luns a venres de 19.00 a 21.00 horas e os sábados e domingos de 11.00 a 14.00 horas.