Vén coñecer os nomes dos lugares do rural na exposición “Chamadeiros de Pontevedra”

54

O espazo expositivo da praza de Ourense cambiará de temática mañá. A exposición dos 15 anos de Noites Abertas dará paso á mostra “Chamadeiros de Pontevedra”, a primeira exposición de Toponimia que se fai en Galiza, que será visitada polo alcalde e o concelleiro de Normalización Lingüística, Demetrio Gómez, mañá a partir das 19.00 horas. A mostra estará na praza de Ourense até o vindeiro 17 de xuño.
“Chamadeiros de Pontevedra” é a actividade que estrea os eventos que a Concellaría de Normalización Lingüística programa para as vindeiras semanas dentro do proxecto Chamámonos así que o Concello desenvolve dende 2012. Esta mostra xenérica completarase coas exposicións de grandes mapas cos nomes de lugar recollidos en seis parroquias do concello, e coa conferencia do experto en toponimia e patrimonio  Alberte Reboreda, entre outras actividades.
A exposición “Chamadeiros de Pontevedra” baséase no traballo municipal de recollida de datos en torno á toponimia, en torno ao plan Chamámonos así co obxectivo de recuperar, recoller, investigar, coñecer, catalogar, difundir e utilizar a toponimia do territorio que ocupamos, o Concello de Pontevedra.  
Trátase dun plan que busca facer un inventario da toponimia do municipio e que xa ten completos os mapas de seis parroquias: Marcón, Mourente, Santo André de Xeve, Santa María de Xeve, Tomeza e Verducido. Actualmente estanse a facer traballos de campo no resto das parroquias e nos vindeiros meses darase a coñecer o traballo completo.   
Introdución da exposición 
O verbo chamar (do latín clamāre) aparece definido no dicionario da Real Academia Galega como a acción de “aplicar a alguén ou a algo un nome ou un alcume”, isto é nomear, dar nome. Con todo, o acto e efecto de chamar por medio dun substantivo, algo ao que os dicionarios portugueses dan o nome de chamadouro, e que os nosos dicionarios tamén poderían recoller como chamadoiro ou chamadeiro, non aparece na maioría dos traballos publicados ata o día de hoxe. 
Esta é unha proba de que os dicionarios non recollen a variedade e a riqueza léxica que a fala viva atesoura, tal e como puidemos comprobar despois de entrevistar a ducias de mulleres e de homes de todas as profesións vinculadas ao rural pontevedrés (labradores, mariscadoras, carpinteiros, canteiros, xornaleiras, albaneis, labregas, mariñeiros, etc…).  
Ao comezar o traballo de campo na freguesía de Xeve, José Argibay de 83 anos, labrador e carpinteiro de profesión, preguntounos por que queriamos saber dos chamadeiros da parroquia. Ese foi o primeiro contacto cunha palabra que nos seguintes meses de traballo se repetiu unha e outra vez.
Os chamadeiros ou chamadoiros son os nomes de lugar. Son as palabras que se empregan para chamarlle ás veigas, camiños, montes, fontes,… Trátase dunha palabra viva, que segue a ser empregada para chamarlles ás cousas polo seu nome.  
A todos os nosos informantes lles sorprendeu que quixesemos saber dos chamadeiros das parroquias de Pontevedra, isto é dos nomes de lugar, advertíndonos da imprecisión dos límites que abranguía cada un deles, dos cambios que algúns nomes experimentan a causa do paso do tempo ou en función do hábito de nomear dos propietarios.  
Todo isto aconteceu no transcurso de centos de entrevistas sinceras e, por veces, apaixonadas, que nos serviron para aprender un pouco máis do pasado e do presente desta cidade, para saber máis de nós. Horas e horas de conversa camiñando coas veciñas e veciños polas aldeas, montes e terras de labor, e tamén diante do ordenador para buscarmos o contraste da cartografía e do parcelario, a fin de sermos todo o precisos e exactos que a tecnoloxía nos permite. 
Mentres recordamos os chamadeiros de Pontevedra, por diante de nós pasan centos de historias vinculadas aos nosos nomes de lugar, contos, lendas e sucesos que nos aprenderon persoas sabias ás que lle debemos a recuperación de todos os nomes de lugar que agora sabemos, topónimos que aquí tedes cartografados e xeorreferenciados para sempre, para non esquecer quen somos, de onde vimos e onde vivimos.
Na mostra recóllense, entre outros, os seguintes contidos:
⁃ que son os chamadeiros
⁃ lexislación
⁃ a toponimia: o GPS da terra
⁃ somos unha potencia en topónimos
⁃ o topónimo Pontevedra
⁃ Sarmiento, estudoso da toponimia galega
⁃ toponimia urbana
⁃ toponimia e arqueoloxía
⁃ etimoloxías populares
⁃ dobres denominacións
⁃ xenéricos locais
⁃ chamadeiros soterrados e mergullados
⁃ proxecto Chamámonos Así
⁃ fontes documentais e informantes
⁃ impresións dos técnicos/as de campo e das persoas informantes
⁃ curiosidades

No proceso participaron sete técnicas e técnicos de campo especialistas en toponimia que entrevistaron a máis de cincocentas persoas nas quince parroquias de Pontevedra. O resultado son máis de 7.000 topónimos recollidos, aínda que o proceso segue aberto.