Os bombeiros reciben formación de rescate en augas bravas

37

Os bombeiros de Pontevedra veñen de recibir un curso de formación de rescate en augas bravas, coa finalidade de complementar e mellorar os procedementos de traballo e coñecer novas técnicas de rescate no medio acuático. A formación estivo impartida pola empresa especializada Transgalaica, experta na formación de equipos profesionais de rescate.
O curso desenvolveuse no Río Tea, en Mondariz, e no Barranco de Cerves, en Melón (Ourense). Os escenarios escollidos facilitaron a combinación de técnicas no rescate en altura coas técnicas de rescate acuático, utilizando todo tipo de materiais, camillas, cordaxe, cordas de rescate acuático, etc.
As prácticas do curso, fixaronse tendo en conta o Certificado de Profesionalidade de "Extinción de Incendios e Salvamento – SEAD0111", e máis concretamente os Criterios de Realización da Unidade de Competencia "UC0401_2 Ejecutar as operacións necesarias para salvar vidas en perigro".
Durante catro días e cunha duración de vinte horas, leváronse a cabo dúas edicións do curso de formación, dende o 12 ao 15 de maio, no que participaron todolos mandos do servizo e persoal dos catro turnos das distintas gardas. Este curso atópase dentro do plan específico de formación contínua no rescate no medio acuático dos bombeiros para o ano 2014,  e terá continuidade con outras actividades formativas a desenvolver mais adiante.